• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Historia

Acudindo á historia da comarca de Bergantiños coñeceremos as orixes do que hoxe é A Laracha. Nalgunas épocas o noso concello aparece, mesmo, na primeira liña da historia da comarca debido á existencia dun importante templo beneditino na parroquia de Soandres, actualmente coñecido como o Mosteiro de San Pedro.

Os restos históricos máis antigos que se coñecen nas terras da Laracha corresponden ao período megalítico, aínda que a maioría deles son do neolítico, entre os que destacamos: túmulo do Cruceiro (Lendo), mámoa de Fofelle (Lestón), mámoa da Fraga (Lendo), túmulo Funerario na Medorra (Coiro), túmulo das Medorras na Ferreira (Montemaior), túmulo megalítico O Forno dos Mouros en Silvoso (Soandres), Pedra Fita do Loureiro ou Pedra do Gicho (Erboedo), medorra do couto de Outeiro (Montemaior), túmulo de Carboeiro en Portela (Erboedo), A Medorra do Codeso en Vilariño (Montemaior) e túmulo das Rebuceiras (Lemaio).

Coñecemos a alta densidade de poboación da Laracha na época dos castros polo importante número deles que aínda se poden atopar e estudar. Actualmente hai catalogados un total de 19 recintos castrenses distribuídos por todo o territorio: o castro da Medoña (Coiro), o castro de San Martiño de Lestón (Lestón), o castro de San Pedro de Soandres (Soandres), A Castreira (Erboedo), castro de Fofelle (Lestón), castro da Pena (Montemaior), castro de Revirente (Soandres), castro de Refoxo ou Cerqueira (Saoandres), castro de Santa Baia (Soandres), castro do Petón (Golmar), castro de Condesuso (Soandres), castro de Gabenlle (Torás), Castro pequeno/Castro das Motas en Pereiro (Vilaño), castro de Montesclaros (Vilaño), castro da Condesa (Lemaio), castro de Erboedo na Fontenla (Erboedo), castro de Lestón (Lestón), Petón do Castro en Riotorto (Torás) ou castro da Lagarteira (Cabovilaño). Un dos máis coñecidos é o de Montesclaros (Vilaño), ao que pertence a lenda da "pita cos pitos". Neste castro, segundo informa A. Rodríguez Casal, apareceu abundante cerámica. Outros vestixios da mesma época son os castros de Cabovilaño e Santa Baia- este último é mais coñecido co nome de Croa de Santa Baia.

Hai indicios de que poden existir restos da presenza romana. Diversos expertos coinciden en que polo término municipal pasaba a Via Per Loca Marítima.

Na Igrexa de Santiago de Vilaño atopouse un miliario no ano 1987 que data de mediados do século IV, época do emperador Magnentio.

No mosteiro de Soandres existiu unha antiga inscrición que aludía a un templo dedicado a Hércules Xónico. A Ara Votiva deste edificio atópase na Catedral de Santiago de Compostela.

Non só os eclesiásticos exerceron o señorío nas terras da Laracha. Tamén o fixeron os cabaleiros, especialmente a familia dos Mariñas, a cal dominou, desde o século XIV, boa parte do territorio que hoxe é o noso Concello. Desta época son as desaparecidas Torres de Cillobre, que nun principio eran unha construción defensiva e se converteron, posteriormente, en casa señorial.

As Torres de Cillobre e os seus donos, a familia Pardo das Mariñas, xogaron un papel determinante na historia medieval e moderna da bisbarra. O primeiro señor de Cillobre do que temos constancia foi Martín Sánchez das Mariñas, que aparece nun documento de 1416, cando o rei Juan II tomou baixo a súa protección ao mosteiro de Soandres a petición do seu abade Fernán García. A intención do rei era que tanto este nobre como o seu fillo, Ares Pardo das Mariñas, deixasen a encomenda dos bens que tiñan do mosteiro polos abusos cometidos. Isto pon de manifesto a antigüidade das Torres de Cillobre, aínda que na actualidade só fiquen en pé parte dos muros da casa-pazo -cercada por unha parede de pedra-, e a capela de San Roque.

Outro dos cabaleiros desta liñaxe foi Diego das Mariñas, que levou o título de Señor de Cillobre. Foi o primeiro capitán xeral do Reino de Galicia, despois de que os Reis Católicos decretasen que ningún galego podía exercer este alto cargo. Ademais da familia dos Mariñas, habitaron esta casa a familia Bolaño, os Ribadeneyra, os Parragués, os Soutomaior e os Moscoso.

Un dato histórico moi significativo é que a mediados do século XIX, segundo nos indica Madoz (Cap. 1845 - T IV: 695), este municipio tiña unha poboación de 1336 veciños que se dedicaban á produción de cereais, legumes e froitas, tendo como industrias os muíños, os teares e algunhas telleiras. Contaba con sete escolas, ás que asistían un total de 130 nenos.