• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Xeografía

O territorio municipal repártese en trece parroquias:
Cabovilaño, Caión, Coiro, Erboedo, Golmar, Lemaio, Lendo, Lestón, Montemaior, Soandres, Soutullo, Torás e Vilaño.
A parroquia de Soandres é a máis estensa de Bergantiños e, xunto coa de Montemaior, case ocupan a metade do territorio municipal.

O Concello da Laracha, cunha estensión de 126,3 km², é o terceiro da bisbarra de Bergantiños en superficie, despois de Carballo e Coristanco.

Caión, única parroquia costeira do municipio da Laracha, é o punto de partida da Costa da Morte e está encadrada no que os xeógrafos denominan Golfo Ártabro.

No territorio municipal pódense distinguir varios sectores:

O primeiro corresponde ás terras altas do sur, formado polo rebordo da meseta de Ordes que, a modo de escada, descende cara o val do Anllóns. Estas terras, formadas por granito porfídico, constitúen os montes baixos da Serra de Montemaior, os cales alcanzan unha altura entre os 400 e 500 metros, superada por algunhas elevacións como Monte Pedrouzo (521 metros) e Pena Galluda (552 metros).

O outro sector destacado é o val do río Anllóns e os seus afluentes, que discorre nesta zona sobre xistos. O val vaise abrindo a medida que avanza cara o occidente. Nos seus límites localízanse a maior parte dos núcleos de poboación e as terras máis produtivas. Debido á fertilidade do val do río Anllóns e á súa elevada produción de cereais, esta zona era considerada, antigamente, como un dos celeiros de Galicia

Nesta parte o río recibe pequenos afluentes. Pola súa marxe esquerda o máis importante é o Acheiro, que recolle as augas da serra de Montemaior e vai paralelo ao Anllóns, formando un val pechado. Pola marxe dereita destaca a menor lonxitude dos ríos que van parar ao Anllóns. Isto débese á proximidade das elevacións montañosas que separan o val da costa. Outro dos sectores é o que está formado polas pequenas elevacións que delimitan o val do Anllóns pola dereita e que seguen unha liña paralela á costa. Comezan na Serra de Santa Leocadia (410 metros), en Arteixo, e continúan por Monteagudo (226 metros), xa na Laracha. Preto atopamos "a cunca de Lendo", unha pequena depresión terciaria asociada a unha falla e formada por estratos de arxila, area e lignito.

Toda a parte central e noroccidental do municipio se caracteriza pola súa topografía menos accidentada. Mesmo chega a ser notablemente plana nas fragas de Lendo, Lemaio, Cabovilaño e Torás. Unicamente, algunhas elevacións, como o monte Lendo (308 metros) ou o de Fragunde (279 metros), accidentan o conxunto, que permanece entre os 100 e 200 metros de altura.

Mención especial merecen as terras da parroquia de Caión. Trátase dun terreo moi accidentado, que chega a superar os 200 metros a pouca distancia do mar, sobre unha liña litoral rochosa e pouco articulada, excepto o saínte granítico onde se asentan a vila de Caión e a pequena enseada que bordea a praia.

Clima

O clima do municipio larachés é oceánico e, polo tanto, con temperaturas suaves, frecuentes precipitacións, escasa oscilación térmica e elevada humidade. Existen pequenas variacións entre as terras altas do sur, o val do río Anllóns e o litoral.

Así, as terras do sur (Soandres e Montemaior) presentan un clima oceánico que experimenta unha certa continentalidade, con temperaturas máis baixas e unha maior oscilación térmica (algún día ao ano podemos ver as súas montañas cubertas de neve).

Non obstante, o litoral caionés e as zonas máis baixas (as do val do Anllóns) presentan un clima máis suave.

En síntese, o noso clima caracterízase por uns invernos suaves (arredor dos 10º C), veráns pouco calorosos (uns 20º C) e abundantes precipitacións, principalmente entre os meses de novembro e xaneiro.

Vexetación

Ao longo do tempo, a vexetación autóctona (carballeira) foi substituída por diversas especies de repoboación, como piñeiros e eucaliptos. A zona de monte ocupa un terzo da superficie total do municipio. A pesar de todo, atópanse algunhas zonas de bosque autóctono, como carballeiras (carballos), soutos (castiñeiros) ou, nas ribeiras dos ríos, ameneiros e bidueiros.

Nas áreas onde as carballeiras manteñen un bo estado de conservación podemos observar carballos de gran porte e idade, como ocorre na carballeira de Santa Margarida, na carballeira de San Fins e nos arredores da capela de Cumiáns, lugares pertencentes á parroquia de Montemaior.

Nas terras máis altas, a vexetación arbórea foi substituída por matogueira, moi abundante no municipio, e que forma, en moitas ocasións, un mosaico con outras unidades ambientais que teñen un importante valor ecolóxico.