• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Situación

 

O termo municipal da Laracha atópase na parte oriental da bisbarra de Bergantiños, estendéndose de norte a sur desde a península de Caión ata as terras altas de Soandres e Montemaior, no rebordo da meseta de Ordes.

Ten unha posición limítrofe coa comarca da Coruña. Linda ao oeste co termo municipal de Carballo, sinalando a súa demarcación oriental cos municipios de Arteixo e Culleredo. Polo sur, linda con Cerceda e, polo norte, ten unha marabillosa saída ao mar na península de Caión.

Forma, cos concellos de Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso, a comarca de Bergantiños.

A Laracha é un municipio privilexiado en canto a vías de comunicación na bisbarra debido a que a autoestrada AG-55 ten dúas entradas-saídas no concello: unha en Paiosaco e outra no Cancelo (Cabovilaño), a dous quilómetros da capital municipal. A estrada C-552 da Coruña-Fisterra atravesa o municipio desde Paiosaco (Lestón) ata Proame (Lemaio), pasando por Torás e Cabovilaño.

A vía férrea A Coruña-Madrid atravesa un extremo do concello. A estación máis próxima atopámola en Meirama (Cerceda), a un quilómetro do límite de noso municipio.

A liña do AVE A Coruña-Santiago pasa pola parroquia de Soandres, lugar por onde tamén transcorre a estrada AC-400 que, ademais, serve de nexo de unión coa A-6, principal vía de acceso a Galicia.

A proximidade dos aeroportos de Alvedro (A Coruña, a 24 quilómetros) e Lavacolla (Santiago, a 45 quilómetros) fan que este transporte poida ser utilizado sen grandes desprazamentos.

Contacto