• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Educación

Aberto o prazo para solicitar a participación na convocatoria de bolsas de estudos municipais

13/09/2018

O Boletín Oficial da Provincial (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria do Concello da Laracha referida ás axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, cuxo obxectivo é colaborar cos gastos derivados do inicio do curso escolar 2018-2019 na adquisición do material escolar e didáctico complementario, vestiario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa.

A partir de mañá e ata o vindeiro día 3 de outubro –prazo de vinte días naturais- as persoas interesadas en optar a unha das bolsas de estudos municipais convocadas deben presentar no Concello as súas instancias debidamente cubertas e coa documentación requirida. O modelo de solicitude pode recollerse no propio Concello ou descargarse da sede electrónica ou da web municipal (www.alaracha.gal). Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menos recursos económicos.

Poden participar no procedemento a totalidade dos estudantes empadroados no municipio, desde os alumnos de educación infantil ata os universitarios. A convocatoria está dotada con 55.000 euros, manténdose a mesma cifra que nos cursos anteriores tal e como fora contemplado polo grupo de goberno nos orzamentos xerais do exercicio en curso. 

As axudas económicas serán de 125 euros cada unha para os beneficiarios de bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais. Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.

O goberno municipal da Laracha realiza cada ano este importante esforzo consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso dos alumnos e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.

 

Ligazón

Bases da convocatoria