• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renova a pista polideportiva do CEIP de Caión

10/09/2018

O curso escolar 2018-2019 comezarán este mércores para os alumnos que cursan estudos de educación infantil e primaria. Coa vista posta nesa data, o Concello da Laracha está a ultimar as actuacións necesarias para que as instalacións dos colexios e os seus espazos complementarios estean en perfectas condicións para recibir aos nenos e ao profesorado e iniciar a actividade.

Hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de Obras Públicas, Jesús Souto, acudiron ao CEIP de Caión para coñecer in situ o desenvolvemento dos traballos de renovación da pista polideportiva do colexio. Nesta infraestrutura municipal estase realizando o pulido de toda a súa superficie co propósito de mellorar o seu pavimento. A continuación será pintada e, por último, marcadas as diferentes pistas de xogo. A intervención completarase realizando unha serie de melloras puntuais no seu entorno, incluíndo os accesos, os bancos e a malla perimetral. Por outra banda, o Concello da Laracha tamén pavimentou o espazo do interior do recinto situado fronte a entrada principal ao colexio.

Ademais destas actuacións, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia realizou durante o verán actuacións no interior do centro co obxectivo de facilitar a actividade diaria. Así, acometeuse unha reparación na cuberta e na planta baixa foron remodelados os aseos e unha das aulas.

Todas estas actuacións, tanto as levadas a cabo con fondos municipais como as realizadas pola Consellería de Educación, foron consensuadas co equipo directivo do CEIP de Caión.