• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobada polo pleno a nova imaxe corporativa do Concello da Laracha

26/07/2018

Hoxe celebrouse a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de xullo na que un dos temas máis destacados foi a aprobación –coas abstencións do edil presente do grupo socialista e tamén do representante do grupo mixto- da nova imaxe corporativa do Concello da Laracha.

Tal e como explicou o alcalde, José Manuel López Varela, trátase dun logotipo moderno que se empregará na documentación municipal e na publicidade institucional, pero que “non substitúe o escudo heráldico, que se manterá tal e como está e do que se continuará facendo uso puntualmente en actos oficiais”. Precisamente o deseño da nova imaxe corporativa realizouse respectando os símbolos existentes no escudo heráldico oficial, xa que son considerados valores significativos do Concello da Laracha. O logotipo, facilmente adaptable aos diferentes formatos dixitais e impresos (tamaño, orientación horizontal e vertical, cores, tons, etcétera), conta na súa parte central coa representación dunha torre facendo referencia ás Torres de Cillobre (Torás) e ás Torres do Viso (Montemaior). A cada lado dela aparecen dúas espigas que simbolizan o carácter agrícola do municipio. Debaixo, a cola dunha balea rememora a importancia que en séculos pasados tivo a pesca desta especie no porto de Caión.

O Pleno tamén aprobou a adhesión do Concello da Laracha á Central de Contratación creada pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). Fíxose cos votos en contra do grupo do BNG e do grupo mixto. O rexedor municipal informou de que o Concello “se incorpora a esta Central e despois terá liberdade para seleccionar os servizos que contratará a través dela”. O primeiro ao que se acollerá será a subministración eléctrica, xa que “estamos traballando con varias comercializadoras e isto permitirá ao Concello unificalo, beneficiarse de mellores condicións económicas e facilitar o procedemento de facturación”. 

Nos restantes puntos da orde do día houbo consenso unánime por parte de todos os grupos con representación no Pleno. Así, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, foron nomeados como representantes da Laracha no consello de dirección do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. Ademais, modificouse o regulamento orgánico municipal para que todas as convocatorias aos órganos colexiados poidan realizarse por correo electrónico, sen necesidade dun acuse de recibo en papel como ata o de agora.

Por último, salientar a aprobación dunha bonificación do cincuenta por cento no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) a un particular que promove o proxecto de rehabilitación dun conxunto arquitectónico popular situado no lugar de Trasande (parroquia de Cabovilaño) formado por dúas vivendas, dous hórreos e cobertizo, e que está incluído na relación de bens do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co grao de protección ambiental. Esta bonificación no tributo para unha actuacións destas características está contemplada na ordenanza fiscal municipal número 17. O alcalde aproveitou a ocasión para “agradecer ao promotor esta iniciativa dirixida a recuperar a arquitectura popular do Concello da Laracha e coa que tamén se mellorará a estética no rural”.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.