• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobado o suplemento de crédito que permitirá realizar novos investimentos en infraestruturas municipais

16/07/2018

O Pleno do Concello da Laracha reuniuse hoxe en sesión extraordinaria para tratar un único punto da orde do día, consistente na aprobación dun suplemento de crédito por un importe de 541.042,60 euros que se destinarán a ampliar e mellorar diferentes infraestruturas públicas de titularidade municipal.

Tal e como explicou o tenente alcalde José Ramón Martínez Barbeito –que presidiu a sesión tras escusar a ausencia do alcalde, José Manuel López Varela-, trátase das achegas municipais que o Concello da Laracha debe asumir para poder levar a cabo actuacións cofinanciadas por outras administracións e que están suxeitas a estritos prazos de execución, polo que estes investimentos non poden demorarse e deben ser executados neste ano aínda que non estaban contemplados nos presupostos iniciais aprobados a primeiros de xaneiro.

En concreto, o destino deste suplemento de crédito será a achega municipal para facer fronte á primeira anualidade da construción do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión, a creación das beirarrúas na 2ª e 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo (casco urbano da Laracha), a mellora de todos os pasos para peóns da AC-552 no Concello da Laracha (Avenida Bergantiños en Paiosaco e Avenida Fisterra na capital municipal), a renovación do parque infantil do campo da feira de Paiosaco, a mellora das infraestruturas viarias de acceso ao parque empresarial, a creación dun novo arquivo no edificio de usos administrativos e o proxecto de accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos. Tamén será contratado persoal para o servizo de soporte e de apoio á aplicación TEDeC (plataforma da administración electrónica).

Todas estas actuacións son consideradas de especial interese para a cidadanía por tratarse de proxectos dirixidos a reforzar a seguridade en diferentes puntos da rede viaria municipal, renovar equipamentos, potenciar o turismo, mellorar os servizos municipais e  crear en Caión unha instalación pública da que carece na actualidade e que permitirá contar cun centro de referencia social e cultural que albergará mostras permanentes sobre a historia da pesca, salas multiusos, salón de actos e as novas oficinas da Confraría de Pescadores.