• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha mantense entre os concellos de Bergantiños con maior taxa de doazón de sangue

06/07/2018

O alcalde, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron hoxe no Salón de Plenos do Concello da Laracha a campaña de verán de doazón de sangue que, como cada ano, contará co impulso e a colaboración municipal. 

Segundo os datos achegados por ADOS, o Concello da Laracha mantense entre os municipios con maior taxa da comarca de Bergantiños, situándose nas 47 doazóns por cada mil habitantes e ano, atopándose dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde e por riba da media da provincia da Coruña (45).

José Manuel López Varela agradeceu que ADOS escollese un ano máis A Laracha para presentar a campaña de verán, agradeceu a solidariedade da veciñanza e animou aos laracheses a “facer este pequeno pero importante esforzo para salvar vidas”. O rexedor municipal mostrou a plena disposición do Concello para colaborar con ADOS, lembrando que está en marcha unha campaña informativa que inclúe buzoneo -repartiranse en torno a dúas mil cartas nas vivendas-, bandos municipais e difusión nas redes sociais, web municipal e pantallas informativas.

Marisa López agradeceu a implicación do Concello da Laracha “na colaboración nesta campaña e durante o ano en todos os ámbitos”, destacando que é “pioneiro no emprego das redes sociais municipais para darlle visibilidade ás nosas iniciativas”. Tamén salientou que “A Laracha é un concello moi activo e solidario” e avanzou que “os datos do primeiro semestre deste ano melloran aos de 2017”, polo que mostrou o seu agradecemento á veciñanza en xeral. 

A directora de ADOS referiuse ao grupo A- como o que conta con menos reservas actualmente. Tamén fixo un chamamento ás persoas que doan por aférese nos centros hospitalarios, xa que “as reservas están bastante baixas”. Precísase da solidariedade da xente porque “nós temos que estar sempre preparados para dar resposta ás necesidades”, que aumentan durante o verán.

Como perfil tipo de doante, Marisa López apuntou que a nivel estatístico destacan os varóns de 42 anos de idade. Non obstante, asegura que nos últimos anos “houbo un importante repunte de mulleres” e que se está a facer un esforzo entre a mocidade para captar novos doantes que, por norma xeral, “os que veñen, repiten”.

Co propósito de facilitar e promover a doazón de sangue no municipio, todos os meses do ano desprázase ata a Praza do Concello da Laracha unha unidade móbil de ADOS. O mércores e o xoves da próxima semana estará en horario de 10:00 a 14:00 pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde. En setembro achegarase ata as localidades de Paiosaco e de Caión. Os únicos requisitos para doar son ter entre 18 e 65 anos, pesar máis de 50 quilos, ter unha saúde normal e superar as probas de tensión e niveis de hemoglobina que se fan na propia unidade móbil.