• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Dezaoito propostas culturais, deportivas e de ocio forman o programa municipal de actividades de verán

22/06/2018

O Concello da Laracha presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo e de agosto e que inclúe un total de dezaoito propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas. Como cada verán o Concello dará continuidade ás actividades mellor valoradas polo público en anteriores edicións en base ás cifras de participación rexistradas nos cursos pasados e á aceptación que tiveron pola veciñanza en xeral, ademais de incorporar novas iniciativas.

Aínda que tamén hai propostas nas que se convida a participar ao público adulto, a maioría das actividades van dirixidas aos nenos porque un dos obxectivos é axudar á conciliación laboral e persoal das familias, ofrecendo unha ampla programación durante a época de vacacións de verán nos centros escolares.

O prazo de inscrición nas actividades está aberto desde hoxe e deben formalizarse acudindo ao Concello da Laracha. Durante esta semana desenvolveuse unha campaña informativa centrada prioritariamente nos centros de ensino.

Neste verán os campamentos volverán ter un especial protagonismo. Tal e como é habitual, haberá dúas quendas dos campamentos municipais de Caión, sendo a primeira (rapaces nados entre o 2007 e o 2010) do 2 ao 6 de xullo e, a segunda (rapaces nados entre 2003 e 2006) a semana seguinte, do 9 ao 13 de xullo. En ambos casos o autobús recollerá cada día aos participantes na Praza do Concello ás 10:00 e regresará ás 18.00 horas. Para cada unha das quendas hai un límite de cincuenta prazas (sorteo no caso de ser necesario).

Os nenos de 3 a 7 anos de idade tamén terán campamentos, neste caso urbanos, que se desenvolverán no pavillón do IES Agra de Leborís en horario de mañá (9:00 a 14:00 horas). A primeira quenda será do 2 ao 6 de xullo e a segunda, do 6 o 10 de agosto.

Propostas habituais deste programa son os campus dos deportes máis practicados no municipio. O de baloncesto terá lugar no pavillón Municipal da Laracha entre os días 16 e 20 de xullo. O campus de fútbol será do 23 ao 31 de xullo no Campo Municipal da Laracha.

O sábado 21 de xullo, e coincidindo coas festas patronais de Vilaño, celebrarase a terceira edición da Carreira Popular do Apóstolo, evento que contará con diferentes percorridos para todos os grupos de idade, sendo de dez quilómetros a de adultos. Tamén haberá unha Andaina Solidaria en beneficio de Cáritas.

Como principal novidade, o programa oferta por primeira vez unha actividade de barranquismo a realizar o 29 de agosto no barranco de Almofrei (Padrón) e dirixida a maiores de 10 anos de idade.

A praza Eduardo Vila Fano de Caión acollerá dúas sesións de cine ao aire libre. O día 20 de xullo proxectarase o filme O Apóstolo e o 3 de agosto, La,La,Land: La Ciudad de las Estrellas, en ambos casos a partir das 22:30 horas. 

Tamén haberá teatro infantil con dous espectáculos programados nas bibliotecas municipais da Laracha e, en ambos casos, ás 12:00 horas: Por que é salgada a auga do mar?, de Os Quinquilláns, o 4 de xullo na da Laracha, e Bibliodiscoteca con María Faltri, o 9 de agosto na de Caión.

Por segundo ano proponse unha xornada de paintball na localidade de Cacheiras (Concello de Teo) o día 1 de agosto, dirixida tanto a nenos a partir de 8 anos como a persoas adultas, sendo o cupo de 20 persoas por cada grupo.

O 12 de agosto celebrarase a 31ª edición do Día da Bici, previsiblemente a proposta máis multitudinaria do programa de verán. O percorrido comezará ás 11:00 horas na Praza do Concello, pasarase por Paiosaco e rematará en Caión. Convídase a participar a persoas de todas as idades. Ademais, para os veciños do municipio que dispoñan dunha bicicleta de montaña organizaranse o 1 de setembro a Pequerruta ciclista (para maiores de 5 anos de idade) e rutas mini BTT para maiores de oito anos de idade que se realizarán os sábados 7 de xullo e 25 de agosto.

O 17 de agosto na praia de Caión realizarase en horario de mañá un cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión no que poderán participar persoas maiores de 8 anos de idade. Tamén nesa localidade haberá unha xornada de kaiak e pádel surf (2 de agosto) para maiores de 10 anos de idade, con dúas quendas de dúas horas de duración cada unha (prazas limitadas a 12 participantes por quenda).

Por último, salientar as saídas que se realizarán para disfrutar do aquapark de Cerceda (7 e 21 de agosto) e practicar rafting no río Ulla (9 de agosto) e kaiak no río Eume (23 de agosto).

Na programación de verán tamén hai cabida para os cursos de manualidades e pintura, que se realizarán en sesións semanais de dúas horas de duración (11:00 a 13:00 horas) nos meses de xullo e agosto. Poderán participar nenos maiores de catro anos de idade e terán dúas quendas para escoller (xoves e venres).

Na organización e desenvolvemento deste programa municipal de actividades de verán colaboran co Concello da Laracha a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, club ciclista Laracha en Dúas Rodas, Club Ciclista Laracha, Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL), Asociación Deportiva Downhill Laracha e Asociación Adro de Vilaño.