• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

O alcalde recibe no Concello á U.D. Paiosaco despois da exitosa temporada 2017-2018

21/06/2018

A directiva, corpo técnico e xogadores do primeiro equipo da U.D. Paiosaco foron recibidos hoxe no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Patricia Bello, Ramiro Bello e Jesús Souto despois de ascender por primeira vez á Terceira División e proclamarse campión da Copa da Coruña por segundo ano consecutivo.

José Manuel López Varela cualificou esta campaña como “a mellora temporada nos 57 anos de historia do club, que é o decano dos existentes no municipio”, o que é “un orgullo para o Concello da Laracha”. 

Ademais dos notables éxitos do primeiro equipo, o alcalde valorou o traballo que está a facer o club en todas as categorías, xa que actualmente a U.D. Paiosaco conta conta con 18 equipos repartidos entre o sénior, un de veteranos, un xuvenil, dous cadetes, un infantil, tres alevíns, catro benxamíns, tres prebenxamíns e dous biberóns.

Como dato, achegou que a parroquia de Lestón (na que se sitúa Paiosaco) “ten  pouco máis de 200 veciños menores de 19 anos e nas categorías de base do club hai 309 fichas”.

O rexedor municipal aproveitou a reunión para anunciar que hoxe foi adxudicado o contrato da obra de substitución do céspede do campo de fútbol municipal A Porta Santa, no que desenvolve a súa actividade a U.D. Paiosaco. Os traballos realizaranse durante o verán e o novo terreo de xogo estará dispoñible para o debut na Terceira División xunto a outra serie de melloras na grada.

Por último, José Manuel López Varela entregoulle unha placa conmemorativa da histórica temporada ao presidente da U.D. Paiosaco, desexoulle á entidade moito éxito no futuro e reafirmou o compromiso do Concello da Laracha co apoio ao club tanto a nivel económico como organizativo e loxístico.