• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Unanimidade na maioría dos puntos da orde do día do Pleno

31/05/2018

Hoxe celebrouse o Pleno ordinario correspondente ao mes de maio. Tal e como é habitual, a sesión comezou gardándose un minuto de silencio en sinal de loito e respecto ás doce mulleres asasinadas en España no que vai de ano vítimas da violencia de xénero.

Inmersos no contido da sesión, a maioría das cuestións foron aprobadas por unanimidade dos concelleiros presentes –escusaron a súa ausencia os edís do grupo de goberno Ramiro Bello e Alberto Fuentes e o do grupo socialista Eladio Verdía-. Así, María Inés López Zas foi nomeada como nova xuíza de paz substituta por ser considera a mellora candidata de entre todas as persoas que concorreron ao procedemento debido á súa experiencia demostrada nun posto similar.

Tamén houbo pleno consenso na aprobación dunha modificación de crédito por un importe de 3.150 euros que permitirá dispoñer dos fondos necesarios na aplicación orzamentaria correspondente para poder afrontar as gratificacións económicas aos efectivos da Policía Local polos servizos que están a prestar fóra da súa xornada normal de traballo. Neste punto o alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu os servizos extraordinarios que están a realizar os tres efectivos operativos (dos cinco funcionarios adscritos a este servizo, hai dous de baixa) xunto aos dous auxiliares de Policía Local recentemente contratados, aos que en breve se incorporará un máis. Tamén avanzou que xa se completou toda a tramitación coa Axencia de Galega de Seguridade previa á convocatoria de dúas prazas como funcionarios, estimando que “os exames poderían convocarse para o mes de setembro”.

Tamén foi aprobado –neste caso, coas abstencións dos grupos do PSOE e do BNG- o recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 10.000 euros para aboar a Viaqua a liquidación do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de auga do 2017. López Varela apuntou que se trata “dunha factura correspondente ao ano pasado que entrou no Concello en 2018”, polo que debe incorporarse ao orzamento do exercicio en curso.

Por último, o executivo deu conta ao Pleno da Corporación das 155 resolucións de Alcaldía ditaminadas desde a sesión anterior e tamén dos datos de liquidación do exercicio económico 2017, que deixa un remanente de tesourería para gastos xerais de 3.168.502,20 euros e un superávit positivo de 1.500.530,91 euros. O alcalde salientou que o Concello da Laracha “cumpre coa estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto”, presentando unhas “cifras moi positivas que agora nos están permitindo facer fronte a actuacións de investimento para mellorar as infraestruturas municipais”.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.