• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello mellorará a accesibilidade na sinalización dos recursos e portal turísticos

30/05/2018

O Concello da Laracha desenvolverá un proxecto dirixido a facilitar o acceso á información turística municipal ás persoas con diversidade funcional. Farase coa colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia –dependente da Presidencia da Xunta de Galicia- ao abeiro do programa de axudas ás entidades locais deste ano 2018 para a realización de melloras nas infraestruturas turísticas.

O proxecto deseñado polo Concello da Laracha ten dúas liñas de actuación. Por unha parte será actualizada a páxina web de turismo municipal (www.alarachaturismo.gal) para facela máis accesible adaptándoa ás necesidades dos usuarios que presenten algún tipo de discapacidade sensorial. Entre as melloras que serán incorporadas cabe salientar a implantación de ferramentas que locuten o contido da web, facilitar que os internautas poidan ampliar o tamaño da fonte das letras e, entre outras, establecer unha versión do portal con cores de alto contraste.

Por outra banda contémplase a colocación de mesas interpretativas (paneis inclinados) e sinalización turística accesible con información en releve-braille en diferentes puntos do municipio que son frecuentados por turistas e visitantes. Ademais, á sinalización existente na actualidade serán incorporados códigos QR para ampliar a información ofrecida por medio do emprego dos smartphones. 

O Concello da Laracha e a Axencia de Turismo de Galicia investirán en total 15.000 euros neste proxecto co que se afonda na innovación das canles de comunicación ao turista empregando a tecnoloxía e a conectividade para ofrecer proximidade e axilidade na resposta, especialmente ás persoas con diversidade funcional. A accesibilidade nestes servizos contribuirá á mellora da calidade dos produtos turísticos, ademais de aumentar a competitividade do destino, polo que a actuación forma parte das estratexias municipais para un turismo sustentable e responsable.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.