• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicado o proxecto de eficiencia enerxética nos parques O Recreo e Maximino Canedo

24/05/2018

Na reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foi adxudicado o contrato de execución do proxecto de mellora da eficiencia enerxética nos parques O Recreo e Maximino Canedo. 

O proxecto contempla a renovación da iluminación exterior en ambos parques, dous puntos de encontro para a veciñanza situados en zonas céntricas e residencias da capital municipal. As actuais luminarias serán cambiadas por outras LED de última xeración e de alta eficiencia enerxética. Tamén se contempla a adaptación dos centros de mando coa instalación de reloxos astronómicos, equipamento que permite o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar. Polas súas características o proxecto é rendible tanto no aspecto medioambiental como no económico, xa que o consumo eléctrico diminuirá en torno ao sesenta por cento sen afectar á calidade do servizo que se ofrece á cidadanía.

A actuación está valorada en 40.000 euros e será cofinanciada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte con fondos das axudas do Plan Leader, á súa vez cofinanciadas co Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2010 (PDR).

Precisamente no marco desa mesma liña de subvencións, a Xunta de Goberno Local acordou hoxe presentar ao GDR un novo proxecto de eficiencia enerxética, neste caso centrado en mellorar o sistema de quentamento da auga do spa da piscina municipal. Preténdese substituír a actual caldeira de gas natural instalando un novo grupo de bombeo e tubaxes con illamento térmico que permitirían levar ata o spa a auga quente desde o xerador de calor de pellets co que conta este complexo deportivo. Deste xeito a enerxía a empregar pasaría a ser renovable, máis eficiente e cunha materia prima que, ademais de proceder de Galicia, sería máis barata, polo que estaríamos ante un investimento economicamente rendible. O orzamento da actuación sitúase en torno as 11.500 euros.

Ademais, tamén se acordou solicitar a participación na convocatoria de axudas da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de iniciativas de voluntariado xuvenil (DOG número 82 do 27 de abril de 2018). O Concello da Laracha pretende levar a cabo durante o próximo verán un programa dirixido a mozos de entre 16 e 30 anos de idade e centrado no voluntariado nos ámbitos educativo, social e cultural e a promoción do traballo en rede.

Por último, salientar que na sesión de hoxe foron concedidas dúas licencias urbanísticas de primeira ocupación.