• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha

23/05/2018

Xa están en fase de execución as obras de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a estrada AC-552. O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Patricia Bello fixeron unha visita ao lugar das actuacións, onde se reuniron cos responsables das empresa que está a executar os traballos –Construcciones López Cao S.L.- e da dirección de obra.

A área de actuación deste proxecto sitúase entre a estrada comarcal AC-552 (A Coruña-Fisterra) e a glorieta do acceso principal ao polígono. A lonxitude lineal do tramo é duns trescentos metros, nos que a plataforma da calzada será ampliada e contará cun pavimento de calidade realizado con aglomerado asfáltico en quente. A vía tamén será dotada coa rede de recollida de augas pluviais e coa correspondente sinalización.

Ademais de facilitar os accesos á área industria, esta actuación tamén mellorará as comunicacións entre a AC-552 e os lugares de Sande, Trasande, Arén e Os Mouriños (todos eles, na parroquia de Cabovilaño) a través da antiga estrada de Lendo.

O proxecto está valorado en máis de 93.000 euros e é financiado integramente con fondos propios municipais.