• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Catro prazas do campo de traballo da Laracha deste verán están reservadas para voluntarios galegos

10/05/2018

O vindeiro día 21 de maio finalizará a primeira quenda de inscricións no campo de traballo nacional que o Concello da Laracha organiza coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e que se desenvolverá do 1 ao 15 de agosto. 

A iniciativa vai dirixida a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos de idade. Do total de quince prazas dispoñibles, catro están reservadas para voluntarios galegos, sendo as once restantes para persoas procedentes de calquera outra comunidade autónoma española. En caso de que nesta primeira quenda non se cubran todas as prazas ofertadas, o 4 de xuño abriríase un segundo prazo de inscrición.

A temática do campo de traballo será arqueolóxica e terá como obxectivo prioritario a fase inicial da posta en valor do Castro de Montesclaros, o xacemento situado na parroquia de Vilaño pertencente á idade de ferro e que, segundo os estudos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, é un dos máis grandes dos catalogados en Galicia.

O Castro de Montesclaros é un dos elementos incluídos no Plan Especial de Patrimonio Cultural promovido polo executivo municipal e que permitiu a adquisición por parte do Concello da Laracha das primeiras parcelas que albergan o xacemento. Agora darase un paso máis iniciando a súa posta en valor a través do campo de traballo, que centrará o seu labor exclusivamente na observación, delimitación e a limpeza do castro e do seu entorno. Os voluntarios estarán en todo momento acompañados por un equipo técnico formado polo director do campo de traballo, un arqueólogo e os monitores. 

Durante o desenvolvemento do programa o traballo específico sobre o terreo realizarase polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradicións. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais que se realicen.

Esta será a quinta experiencia do Concello da Laracha na organización de campos de traballo. Os catro anteriores foron internacionais e con temáticas medioambientais centradas na posta en valor dos entornos fluviais e a promoción da práctica deportiva ao aire libre.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.