• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A obra de ampliación do centro médico e PAC da Laracha comezará a próxima semana

27/04/2018

A Consellería de Sanidade ten previsto iniciar a próxima semana a execución do proxecto de ampliación do centro médico e punto de atención continuada da Laracha (PAC). Así foi comunicado hoxe por Luis Verde, xerente de Xestión Integrada da área sanitaria, aos concelleiros Jesús Souto, Rocío López e Antonio Fraga na sinatura da acta de comprobación do replanteo do proxecto, na que tamén se contou coa presenza de representantes do estudo redactor do proxecto, a dirección de obra e a empresa construtora adxudicataria.

Cabe lembrar que o Concello da Laracha concedera a licenza de obra na Xunta de Goberno Local celebrada no día de onte, incluíndo a bonificación do 95% no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) ao terse declarada a actuación de especial interese por ser promovida por unha administración pública para a implantación de servizos públicos de interese comunitario.

O novo edificio, valorado en 1,2 millóns de euros, levantarase anexo ás actuais instalacións sanitarias da capital municipal e ocupando a parcela contigua cedida para tal fin polo Concello da Laracha. Terá unha superficie de 370 metros cadrados e, entre outras dependencias, contará con sala de observacións, dúas consultas de medicina xeral, unha consulta de enfermería, sala de educación sanitaria, recepción, dormitorios para o persoal de garda e almacén, o que permitirá liberar os espazos do centro de saúde para mellorar a atención ordinaria.