• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobados por unanimidade todos os puntos da orde do día do Pleno

02/04/2018

A Corporación municipal da Laracha reuniuse este mediodía no Pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, que foi retrasado ao seguinte día laborable por coincidir a data propia de celebración da sesión co Xoves Santo.

Todos os asuntos da orde do día foron aprobados por unanimidade ao contar cos votos a favor dos oito concelleiros presentes do grupo de goberno e do edil de cada grupo da oposición (BNG, PSOE e Mixto) que acudiron a un Pleno presidido polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito.

A sesión comezou gardando un minuto de silencio en sinal de recordo e homenaxe ás cinco mulleres falecidas en España no que vai de ano vítimas da violencia de xénero.

Adentrados xa nos contidos do Pleno, unha das cuestións máis destacadas foi a concesión de bonificacións do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO) a dúas empresas que se implantarán no ámbito polígono industrial da Laracha, tal e como establece o artigo 6 da ordenanza fiscal número 17 por tratarse de obras de especial interese por concorrer circunstancias de fomento do emprego. Así mesmo, tamén se aprobou outra bonificación no ICIO, neste caso do 50%, a un particular que promove o proxecto de rehabilitación dun conxunto arquitectónico popular situado na parroquia de Coiro, formado por vivenda, hórreo, cobertura e muro, e que está incluído na relación de bens do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co grao de protección ambiental.

Por outra banda, acordouse a modificación do presuposto xeral municipal que permitirá incorporar unha partida de 3.150 euros para dispoñer dos fondos necesarios na aplicación orzamentaria correspondente para poder afrontar as gratificacións económicas aos efectivos da Policía Local polos servizos que están a prestar fóra da súa xornada normal de traballo. José Ramón Martínez Barbeito aproveitou este momento para agradecer aos axentes de Policía Local en activo “o servizo de calidade que están a prestar e a súa disposición en todo momento para facelo”. Tamén lembrou que actualmente o Concello da Laracha ten en marcha o procedemento para a contratación de tres auxiliares de Policía Local.

A unanimidade repetiuse na aceptación das actuacións previstas nas memorias descritivas da solicitude de subvención presentada polo Concello da Laracha ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) relacionada coa mellora da eficiencia enerxética ao abeiro da convocatoria de axudas para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As actuacións deseñadas polo goberno local están valorados nun total de 1,2 millóns de euros e consisten no cambio de luminarias en todo o alumeado público exterior, en varios edificios municipais e nos pavillóns polideportivos. O acordo do Pleno foi requirido pola entidade que convoca estas axudas.

Por último, salientar a aprobación das modificacións oportunas na composición da Mesa de Contratación do Concello da Laracha para adaptala á recente reforma da Lei de Contratos do Sector Público. Tralo acordo plenario, queda composta polo alcalde como presidente, o secretario e o interventor da Corporación municipal como vogais e un técnico de administración xeral como secretario da Mesa de Contratación.