• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Café Bar Esmorís, primeiro premio do xurado profesional e popular da III edición de A Laracha de Tapas

12/03/2018

A terceira edición do concurso A Laracha de tapas desenvolvida do venres ao domingo baixo a organización do Concello volveu ser un rotundo éxito de participación. Durante esas tres xornadas once locais ofreceron elaboracións orixinais e de calidade ao prezo de 1 euro, que foron altamente valoradas polo público consumidor.

O Café Bar Esmorís, situado na rúa Santa Lucía da Laracha, coa súa “costela asada con puré de pataca e grelo”, ofreceu a mellor tapa segundo os criterios tanto do xurado profesional como do popular, obtendo os primeiros premios en ambas categorías, dotados con 300 e 200 euros respectivamente. Segundo os responsables deste local, durante os tres días esgotáronse as 650 tapas que elaboraran empregando 90 quilos de costela.

O “Bocadito Guadalupe”, unha filloa rechea con chicharróns e queixo coa que concursou o a Cafetería Guadalupe (Avenida de Caión), foi galardoado co segundo premio do xurado profesional, dotado con 250 euros. Neste local foron despachadas preto de 1.500 tapas.

Cabe lembrar que o xurado profesional estivo composto polos bloggers gastronómicos José Antonio Domínguez (www.rutasyrestaurantes.com), Alberto López Traba (www.elzampondecompostela.blogspot.com.es) e Lucía Deza (www.lasrecetasdelualba.es). Todos eles coincidiron en destacar a alta calidade das elaboracións.

O xurado popular formárono todos os clientes que depositaran os seus votos nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes. En total foron rexistrados 774 votos válidos (debían estar selados por tres locais diferentes), dos cales 168 foron para a creación do Café Bar Esmorís, a mellor valorada.  Café Bar Guadalupe tamén quedou no segundo lugar, O Noso Café no terceiro, Manhattan Skyline no cuarto e Bar Sara no quinto.

Todas as persoas que emitiron o seu voto participaron no sorteo dos regalos doados polos establecementos participantes e as empresas colaboradoras. O acto de entrega dos premios aos locais e tamén dos agasallos aos consumidores que votaron terá lugar o próximo sábado (17 de marzo) ás 11:30 horas na Casa da Cultura da Laracha.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción por chegar á terceira edición de A Laracha de tapas e consolidar este concurso como unha excelente oportunidade para dar un impulso ao sector comercial local e crear un escaparate para que os locais de hostalería da capital municipal poidan darse a coñecer e mostrar ao público a calidade tanto das súas creacións como do servizo que ofertan durante todo o ano.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.