• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello visibiliza o 8 de marzo e desenvolve programación específica nos servizos municipais de conciliación

07/03/2018

O Concello da Laracha está sensibilizado coa procura da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e coa loita contra a violencia de xénero, e así se reflicte no día a día da actividade municipal. Grazas a ese labor continuo, nos últimos anos o Concello da Laracha obtivo recoñecementos no ámbito autonómico e estatal (por parte da Xunta de Galicia, a Femp e o Ministerio de Igualdade), considerando que tanto o servizo de axuda á conciliación que se ofrece na aula lúdica como o excelente funcionamento da Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero son referentes en toda España para municipios do mesmo estrato poboacional.

Neste sentido, o Concello da Laracha visibilizará o Día Internacional da Muller con iniciativas que se poñen en marcha baixo a coordinación do Centro de Información ás Mulleres (CIM), dependente da Concellería de Muller. Na Casa do Concello e na entrada do edificio de usos administrativos colocaranse pancartas conmemorativa sobre o 8 de marzo. 

Ademais, nos dous principais servizos municipais de axuda á conciliación da vida persoal e laboral, que se ofrecen a través do programa Harmoniza ás familias con nenos de entre 3 e 12 anos de idade ao seu cargo, nestes días estanse a desenvolver actividades específicas de visibilización do Día Internacional da Muller. A programación de Madrugadores céntrase na educación para o ocio, a convivencia, a igualdade e a corresponsabilidade, ademais da promoción dos bos hábitos sociais e saudables.

Na aula lúdica municipal este programa específico estase a desenvolver desde o pasado luns e ata o venres 16 de marzo co título ‘Pídome Igualade’. Durante esta quincena cada día se está a dedicar a resaltar a figura de mulleres ilustres de todas as épocas que destacaron en campos da importancia da literatura, a política, a ciencia e o activismo, como son Cleopatra, Xoana de Arco, Emilia Pardo Bazán, Marie Curie, Indira Gandhi, Eva Perón, Carmen Martín Gaite, Benazir Bhutto, Malala e Emmeline Pankhurst. Tamén se inclúe proxección de curtametraxes, sesións de contacontos e xogos e actividades sobre a mesma temática.