• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello solicita a participación na convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a promoción da igualdade

15/02/2018

No Concello da Laracha celebrouse hoxe unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que o principal acordo foi solicitar a participación na convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Igualdade –dependente de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia- para a promoción da igualdade (DOG número 15 do 22 de xaneiro).

O Concello da Laracha pretende acollerse a dúas liñas subvencionables. Por unha banda está o apoio ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), sendo a finalidade da achega económica solicitada cofinanciar os custos do persoal, composto pola directora-psicóloga e unha avogada. O CIM é un servizo municipal gratuíto de atención psicolóxica e xurídica de carácter permanente que se presta ás persoas que así o precisan de xeito individual e confidencial, incluíndo a atención integral ás vítimas da violencia de xénero. Ao longo do ano desde o CIM tamén se organizan e imparten obradoiros de prevención da violencia e de malas condutas nos centros educativos, ademais de apoiar as actividades que se levan a cabo cos nenos usuarios da aula lúdica municipal. O CIM, ademais, é o departamento responsable de organizar e convocar as reunións das Mesas de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

A outra liña na que se solicita a colaboración económica da Secretaría Xeral de Igualdade é a referida ao fomento da vida persoal, laboral e familiar, que no Concello da Laracha se presta a través do programa Harmoniza, no que se integran a aula lúdica e Madrugadores. Precisamente ese servizo que desde o comezo do curso actual se ofrece nos centros educativos antes do inicio da actividade lectiva -e que se está a prestar no CEIP Otero Pedrayo da Laracha- está a ser obxecto dun procedemento de contratación para os dous próximos anos ao que concorreron catro empresas. No día de hoxe a Mesa de Contratación reuniuse para proceder á apertura de plicas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén acordou presentar un proxecto á Axencia de Turismo de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas (DOG número 14 do 19 de xaneiro). A actuación deseñada polo Concello da Laracha está valorada en máis de 50.000 euros e centraríase na vila de Caión, o lugar turístico de referencia no municipio. Consiste na creación de puntos de contenerización soterrada para a recollida de residuos sólidos urbanos na praza Eduardo Vila Fano e no paseo marítimo.