• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A campaña de poda das árbores chega á Avenida de Caión, no casco urbano da Laracha

08/02/2018

Entre mañá venres e o sábado está previsto que se conclúa a execución dos traballos de poda das 250 árbores situadas na marxe da estrada CP-1913 ao seu paso polo Concello da Laracha.

Despois de completarse as actuacións desde a Avenida Doutor López Astray ata a ponte dos Muíños, xa na parroquia de Coiro, os operarios centran o seu labor na Avenida de Caión, isto é, no tramo da CP-1913 que vai desde a Praza do Concello ata a estrada de Lendo.

Os traballos estanse desenvolvendo na época do ano propia da poda destas árbores, que son plataneiros (platanaceae) e que gran parte deles –os situados no casco urbano da Laracha-están protexidos polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). As actuacións, que se desenvolven trala solicitude presentada polo Concello da Laracha á Deputación da Coruña, inclúense no marco do Plan de Conservación e Mantemento de Vías Públicas Provinciais e consisten no recorte, triturado e transporte das ramas.

Deste xeito, ademais de comprobar que as árbores se atopan en bo estado, mellórase a estética nos puntos de actuación e, especialmente nas urbanas, protexerase aos vehículos e aos viandantes de posibles desprendementos das polas.