• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta un proxecto á Xunta de Galicia para poñer en valor a Rede Natura 2000 en Caión

08/02/2018

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha celebrou hoxe unha sesión ordinaria  na que se acordou presentar candidaturas para beneficiarse de dúas liñas de axudas convocadas pola Xunta de Galicia.

Unha delas é promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, tendo por obxectivo apoiar investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en terreos da Rede Natura 2000 (DOG número 10 do 15 de xaneiro). O proxecto que presenta o Concello da Laracha pretende renovar a área de descanso situada xunto á praia e o paseo marítimo de Caión, un ámbito de alto valor ecolóxico que sería destacado con elementos delimitadores acordes ao lugar no que se sitúa e dotada con mobiliario de madeira e paneis informativos sobre a fauna e a flora do entorno.

Por outra banda, presentouse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un proxecto que inclúe dúas actuacións a cofinanciar coa liña de axudas para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais (DOG número 12 do 17 de xaneiro). Neste caso o dobre propósito do Concello da Laracha céntrase no pintado interior e na renovación dos equipos audiovisuais da Casa da Cultura e en dotar con novo mobiliario ao arquivo do edificio de usos administrativos da Laracha.

Salientar tamén que foi concedida unha licenza de obra para a construción dunha vivenda unifamiliar.

Contacto