• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Reunión co presidente do Consello Nacional de Xuventude de Rusia

23/01/2018

No marco do proxecto Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo que se está a desenvolver na localidade rusa de Vladimir, hoxe os representantes do Concello da Laracha (o alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Rocío López) mantiveron unha reunión con Grigory Petushkov, o presidente do Consello Nacional da Xuventude de Rusia.

Durante toda a semana continuarase a desenvolver o programa previsto, que en todas as xornadas inclúe ponencias, reunións de traballo e diversidade de actos para afondar nas relacións entre os propios socios do proxecto para coñecer as súas características, inquedanzas e propósitos para favorecer o futuro desenvolvemento de iniciativas conxuntas. 

Mañá mércores haberá unha reunión co máximo responsable de Benestar Social da rexión e visitarase a Universidade de Vladimir. O xoves 25 desprazaranse ata o próximo municipio de Súzdal, onde serán recibidos polos representantes políticos locais. Na xornada do venres e do sábado están programadas reunións con representantes do Centro Xuvenil de Vladimir.

Cabe lembrar que este proxecto forma parte do programa Erasmus+ da Unión Europea, é financiado polo Instituto de la Juventud (Injuve) e apoiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Forman parte de Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo un total de 27 persoas que representan a trece organismos, institucións e agrupacións de diversos perfís (administracións públicas, asociacións estudantís, entidades xuvenís e organizacións de carácter cultural e empresarial) procedentes de diferentes países europeos como España, Rusia, Italia, Armenia, Portugal, Hungría, Moldavia, Bulgaria, Acerbaixán, Xeorxia e Alemaña.

O Concello da Laracha é o socio que capitanea o proxecto, sendo o propósito principal captar ideas, coñecer diferentes políticas e iniciativas xuvenís que se desenvolven en diferentes países europeos e establecer relacións co resto de participantes. Sobre esta base preténdese que nun futuro os mozos do noso municipio entren en contacto con persoas da súa mesma idade doutros países europeos para coñecer as súas culturas, reforzar a aprendizaxe de idiomas, intercambiar coñecementos e experiencias e adquirir orientación sobre formación, capacitación profesional e oportunidades de emprego.