• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha lidera o programa europeo sobre emprendemento xuvenil que se celebrará a próxima semana en Rusia

20/01/2018

Baixo o título Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo, durante a próxima semana –desde o martes 23 ao domingo 28- celebrarase na localidade rusa de Vladimir un programa europeo que procura a mobilidade de persoas por motivo de aprendizaxe centrándose na promoción e difusión do emprendemento xuvenil baseado na ética e na moralidade e vinculado á resolución de conflitos de tipo social. A iniciativa, financiada polo Instituto de la Juventud (Injuve) e apoiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia no marco do programa Erasmus+ impulsado pola Unión Europea, pretende ser un motor para favorecer a igualdade de oportunidades e a redución da fractura social de Europa por medio da exploración de diversas posibilidades de emprendemento sustentadas na innovación e o desenvolvemento.

Forman parte de Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo un total de 27 persoas que representarán a trece organismos, institucións e agrupacións de diversos perfís (administracións públicas, asociacións estudantís, entidades xuvenís e organizacións de carácter cultural e empresarial) procedentes de diferentes países europeos como España, Rusia, Italia, Armenia, Portugal, Hungría, Moldavia, Bulgaria, Acerbaixán, Xeorxia e Alemaña. O Concello da Laracha será o socio que capitaneará o proxecto, estando representado en todos os actos oficiais que se desenvolvan nas figuras do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros Jesús Souto e Rocío López.

O programa de actos principiará o martes 23 co recibimento a todos os participantes en Vladimir, cidade -que tamén dá nome á rexión- situada a uns douscentos quilómetros ao leste de Moscova. Durante todas as xornadas celebraranse ponencias, reunións de traballo e diversidade de actos para afondar nas relacións entre os propios socios do proxecto e coñecer as súas características, inquedanzas e propósitos para favorecer o futuro desenvolvemento de iniciativas conxuntas. Ademais, o mércores 24 manterase un encontro co máximo responsable de Benestar Social da rexión e visitarase a Universidade de Vladimir. O xoves 25 desprazaranse ata o próximo municipio de Súzdal, onde serán recibidos polos representantes políticos locais. Na xornada do venres e do sábado están programadas reunións con representantes do Centro Xuvenil de Vladimir e do Consello Nacional Xuvenil de Rusia. 

As cidades de Vladimir e de Súzdal forman parte da zona turística coñecida como anel de ouro de Rusia e nelas sitúanse os Monumentos Blancos catalogados pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.

O Concello da Laracha lidera este proxecto co propósito principal de captar ideas, coñecer diferentes políticas e iniciativas xuvenís que se desenvolven en diferentes países europeos e establecer relacións cos socios participantes. Sobre esta base preténdese que nun futuro os mozos do noso municipio entren en contacto con persoas da súa mesma idade doutros países europeos para coñecer as súas culturas, reforzar a aprendizaxe de idiomas, intercambiar coñecementos e experiencias e adquirir orientación sobre formación, capacitación profesional e oportunidades de emprego.

Deste xeito o Concello da Laracha continúa aproveitando as oportunidades que ofrece a Unión Europea a través dos seus programas para potenciar a participación cívica e fomentar as relacións entre cidadáns de diferentes países do ámbito continental. Neste caso será a través de Erasmus+, centrado nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte e que trata de impulsar as perspectivas laborais e o desenvolvemento persoal, ademais de axudar aos sistemas de educación e formación a proporcionar unha aprendizaxe que dote ás persoas das capacidades necesarias para o mercado laboral e a sociedade actual e futura.