• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A mesa educativa e sanitaria sobre violencia de xénero valorou os programas de prevención realizados nos centros de ensino

16/01/2018

A Mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova sesión de traballo no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha. 

A reunión foi copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao. Tamén participaron a concelleira de Muller, Rocío López, o coordinador médico do centro de saúde da Laracha, Aquilino Agromayor, e directores, directoras e orientadoras do IES Agra de Leborís, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas e CEIP de Caión.

Nesta ocasión as cuestións fundamentais tratadas consistiron en avaliar as diferentes actividades e obradoiros de prevención que foron desenvolvidas nos centros de ensino nos últimos meses, incluíndo nelas a terceira edición da Festa da Igualdade, a xornada de convivencia con motivo da celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que este ano se levou a cabo no pavillón do CEIP Otero Pedrayo. A análise da Mesa e as propostas que xorden destas reunións periódicas son de especial relevancia para mellorar ano a ano os contidos destas programacións específicas nas que participan alumnos de educación primaria e secundaria.

Deste xeito, no IES Agra de Leborís impartiranse no que resta do curso actual e tamén no próximo programas de educación afectivo-sexual e de mediación entre iguais, e, coa colaboración do centro médico da Laracha, obradoiros sobre lesións medulares e de alimentación e nutrición. Nos colexios realizarase o curso que vén, entre outras, unha actividade relacionada co deporte inclusivo. Ao estar dirixidas polo CIM da Laracha, en todas as iniciativas, obradoiros e actividades traballaranse desde a perspectiva da transversalidade de xénero.

Por outra banda, na reunión presentouse aos membros da Mesa o programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sufriron violencia de xénero, que conta con participantes seleccionados directamente polo CIM. A iniciativa está actualmente en marcha e realízase coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade.

A Mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reúnese con carácter trimestral. É preciso lembrar que a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero está subdividida en dúas mesas sectoriais. A outra (ademais da educativo-sanitaria), a de coordinación policial, está convocada para o mediodía do luns 22 de xaneio.

O Concello da Laracha mostra unha vez máis o seu agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas sectoriais e a súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a violencia de xénero.