• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En exposición pública as modificacións das ordenanzas que require a adhesión da Laracha a “Concellos Doing Business”

13/01/2018

Ata o próximo 22 de febreiro estarán en exposición pública a modificación das seis ordenanzas municipais que require a adhesión da Laracha ao protocolo “Concellos Doing Business” e que foran aprobadas inicialmente por unanimidade dos grupos políticos no Pleno celebrado o pasado día 4 de xaneiro. O prazo de trinta días iniciouse trala publicación do edicto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) o pasado xoves.

“Concellos Doing Business” é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que ten por obxectivo atraer investimentos, favorecer o emprendemento e facilitar a implantación de empresas para lograr a xeración de emprego. O convenio establece un marco de colaboración coas administracións locais para implicarse de maneira directa nesta cuestión ofrecendo incentivos fiscais e simplificando os trámites administrativos a realizar, ao que no caso do Concello da Laracha se suma a dispoñibilidade de solo industrial equipado con todos os servizos.

Para sumarse a “Concellos Doing Business” o Concello da Laracha debe establecer as modificacións xa propostas nas ordenanzas fiscais municipais números 2, 3 e 4 para que os autónomos ou empresas de nova implantación no termo municipal que estean vinculadas aos obxectivos da Industria 4.0 ou da RIS3 (estratexia de especialización intelixente), e tamén aqueles establecementos xa existentes que sexan ampliados e iso leve consigo a creación de novos postos de traballo, non estean suxeitos ao pagamento das taxas por expedición de licencias urbanísticas, incluídas as de primeira utilización, cambios de uso e comunicación previa á apertura.

Ademais, os cambios do texto das ordenanzas fiscais números 15, 17 e 18 propostos establecerían bonificacións nos impostos sobre bens inmobles (IBI), construcións, instalacións e obras (ICIO) e actividades económicas (IAE) nos locais, naves ou edificacións nas que se desenvolvan actividades declaradas de especial interese ou utilidade municipal por incorrer circunstancias de fomento do emprego. A redución sería dun mínimo do 50% para as empresas de ata dez traballadores e un máximo do 95% naquelas que se creen vinte ou máis postos de traballo.

Ademais de fomentar a implantación de empresas, a adhesión ao “Concellos Doing Business” tamén permitiría ao Concello da Laracha abrir novas posibilidades para captar investimentos públicos no ámbito industrial, xa que tería preferencia nas convocatorias da Xunta de Galicia que sexan en réxime de concorrencia competitiva.