• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba os orzamentos xerais municipais, que por primeira vez superan os oito millóns de euros

04/01/2018

O Pleno da Corporación municipal da Laracha aprobou hoxe en sesión extraordinaria os orzamentos xerais municipais para o exercicio económico 2018, que están equilibrados en gastos e ingresos e sitúanse en 8.020.945,94 euros, incrementándose nun catro por cento con respecto ao ano anterior e superando por primeira vez os oito millóns.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, agradeceu o labor realizado polo funcionariado e persoal laboral municipal adscrito aos departamentos económico e xurídico, que permitiu presentar no Pleno o proxecto de orzamentos na primeira semana do ano. Como dato significativo para salientar o volume de traballo realizado, aportou que no último trimestre de 2017, tal e como está reflectido no informe do período medio de pagamento, o Concello da Laracha fixo fronte a abonos por un importe total de 1.807.000 euros entre certificacións de obras e facturas a provedores.

O rexedor local referiuse aos novos orzamentos como “bos para os veciños do Concello da Laracha, xa que estamos dando cobertura en todas as áreas posibles, como a asistencia social, a cultural, a educativa e a deportiva”. López Varela afirmou que foron realizados “con moita cautela nas previsións de recadación” e apuntou que os impostos municipais se manterán conxelados nos tipos mínimos permitidos por lei. Tamén sinalou que os presupostos son vivos e, por tanto, poden variar nos próximos doce meses, algo que xa sucedeu nos últimos anos acadando “importantes volumes de mellora ao peche, cando se ve a realidade da xestión”.

Por apartados, salientou que máis de un millón de euros se destinarán á asistencia social primaria para financiar programas como o servizo de axuda no fogar ou o Harmoniza (apoio á conciliación a través da aula lúdica municipal e do servizo Madrugadores), así como as achegas municipais correspondentes ao centro de día e fogar residencial e á escola infantil, o mantemento dos centros sociais da terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión, o Centro de Información ás Mulleres e as diversas accións formativas e actividades de envellecemento activo que se levan a cabo ao longo de todo o ano. Tamén se inclúe neste apartado o fondo de emerxencia social, necesario para atender as necesidades básicas das familias máis desfavorecidas. Neste sentido, o alcalde aseverou que “ningunha familia ou persoa que conte cos informes favorables dos servizos sociais vai quedar sen cobertura municipal”.

Máis da metade do desembolso total destinarase ao financiamento dos gastos correntes derivados do mantemento das infraestruturas de titularidade pública e a prestación dos diferentes servizos de interese comunitario. Inclúense neste apartado a planificación das actividades a desenvolver polos distintos departamentos municipais, sempre desde a base da racionalización do gasto, pero tamén co compromiso de manter todos os servizos, ampliar os que sexa necesario e crear novos en función do interese xeral.

Preto do vinte por cento dos orzamentos, máis de un millón e medio de euros, serán para investimentos reais. Entre os proxectos máis destacados están a achega municipal para a construción do viveiro de empresas no polígono industrial, a construción dunha pista multideportiva descuberta de uso libre xunto ao IES Agra de Leborís e diversas melloras na rede viaria municipal, mesmo tendo prevista a apertura de novas estradas. Ademais, López Varela salientou a “aposta por comprar e poñer en valor o patrimonio histórico-artístico municipal” xa que en 2018 está previsto adquirir as restantes parcelas do Castro de Montesclaros e tamén todo o terreo vinculado ao menhir de Erboedo. Tamén fixo referencia á cantidade de actuacións de mellora das infraestruturas públicas municipais previstas para os próximos doce meses, xa que entre as contempladas nos orzamentos, as que serán financiadas co remanente e as incluídas en convenios con outras administracións, alcanzaranse os 3,4 millóns de euros.

O capítulo de persoal increméntase lixeiramente con respecto ao do ano anterior. Inclúe a creación de dúas prazas de Policías Locais como funcionarios de carreira e a contratación de tres auxiliares de Policía Local durante seis meses, de dous auxiliares administrativos e do persoal das brigadas contra incendios.

Por outra banda, en 2018 reforzarse a colaboración económica coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e manterase a achega municipal á Confraría de Pescadores de Caión (polo museo do Arquivo da Pesca), á Asociación de Comercio (ACSIL) e a todas as comisión de festas das trece parroquias que organicen actividades para celebrar o seu patrón. Tamén quedan blindadas as partidas dirixida ao apoio económico ao asociacionismo (entidades culturais e educativas, clubs deportivos, etc.).

Os orzamentos foron aprobados cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e a abstención do grupo dos socialista (PSOE) e do concelleiro do grupo mixto. O grupo dos nacionalistas (BNG) foi o único que se posicionou en contra.

Onde houbo unanimidade dos catro grupos foi na aprobación das modificacións das seis ordenanzas fiscais municipais que require a adhesión da Laracha a “Concellos Doing Business”, o programa impulsado pola Xunta de Galicia e a Fegamp que establece un marco de colaboración coas administracións locais para implicarse de maneira directa na captación de empresas e a xeración de emprego. As medidas a tomar céntranse en ofrecer incentivos fiscais e simplificar os trámites administrativos a realizar a cambio de que os beneficiarios das mesmas se comprometan a crear postos de traballo no termo municipal.

Grazas ás modificacións nos textos aprobadas hoxe, as empresas que se implanten na Laracha ou as que amplíen os seus establecementos e xeren emprego, poderán acceder a bonificacións no imposto sobre bens inmobles (IBI), actividades económicas (IAE) e construcións, instalacións e obras (ICIO), ademais de non estar suxeitos á taxa por expedición de licenza de apertura e de comunicación previa. 

O alcalde referiuse a este programa como “unha boa ocasión para xerar riqueza e oportunidades de emprego no Concello da Laracha”.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.