• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O parque Maximino Canedo contará coa primeira pista multideportiva descuberta da capital municipal

28/12/2017

O Concello da Laracha está a financiar integramente a construción dunha pista multideportiva descuberta e de uso libre no recinto do parque Maximino Canedo, na que é unha das zonas residenciais e tamén comerciais máis importantes da capital municipal.

Esta será a primeira infraestrutura pública destas características que se habilitará en núcleo urbano. Créase co obxectivo de ofrecer, especialmente ao público infantil e xuvenil, un espazo céntrico, cómodo e completamente equipado para facilitarlles a práctica de diferentes modalidades deportivas e, deste xeito, abrirlles novas posibilidades para o aproveitamento do seu tempo de lecer desde a perspectiva da promoción dos estilos de vida saudables.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de obras, Jesús Souto, comprobaron persoalmente nunha visita á zona de actuación como os traballos previstos xa están moi avanzados despois de prepararse o terreo e construír o novo pavimento. Actualmente estase colocando o peche perimetral e as actuacións rematarán co pintado da pista e a instalación de dúas porterías e dúas canastras de baloncesto. A previsión é que a apertura ao público se realice a próxima semana.

O proxecto está valorado en 56.500 euros e, ademais da construción do novo equipamento deportivo, tamén inclúe melloras na pavimento en todo o parque Maximino Canedo, contemplándose a substitución das lousas deterioradas tanto nas diferentes zonas de descanso como nas beirarrúas próximas para facilitar o tránsito peonil.