Concello
O Concello e Ecoembes reforzarán a cobertura de colectores de recollida selectiva nos núcleos urbanos
08/12/2017
O Concello da Laracha e Ecoembes, a asociación sen ánimo de lucro que se dedica á recuperación de envases en toda España, asinaron un convenio de colaboración coa finalidade de reforzar a cobertura da recollida selectiva de residuos sólidos nos núcleos urbanos do termo municipal.
En virtude dese acordo, Ecoembes achegará ao Concello da Laracha máis de seis mil euros para financiar a adquisición de doce colectores amarelos (recollida de envases lixeiros) e cinco colectores metálicos azuis de tres metros cúbicos de capacidade para depositar papel e cartón.
O Concello da Laracha comprométese, nun prazo de tres meses, a adquirilos, instalalos na vía pública e actualizar o inventario municipal de colectores de recollida selectiva.
Deste xeito ambas partes cooperarán na mellora dos medios dispostos para a prestación do servizo, facilitando á cidadanía o xesto de depositar cada residuo no seu correspondente colector, cuestión que é fundamental para permitir a posterior reciclaxe e incrementar, deste xeito, as porcentaxes de recuperación.