• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello aumenta as prazas de estacionamento reservadas para diversos funcionais

09/12/2017

O Concello da Laracha vén de reservar tres novos espazos públicos en puntos estratéxicos da capital municipal para o estacionamento gratuíto de persoas con diversidade funcional.

A creación destas prazas de aparcamento, así como as marcadas na rúa Epifanio Campo Núñez e nas súas inmediacións durante o proxecto de humanización desa zona, levouse a cabo atendendo ao interese xeral para a cidadanía e en lugares nos que existen instalacións públicas nas que se prestan servizos administrativos, sociais, culturais e deportivos.

Os puntos nos que foron establecidas son a Avenida Doutor López Astray –preto do edificio de servizos múltiples-, a rúa Lino Gómez Canedo –na entrada ao complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, onde xa existía unha praza destas características e outra moi preto, xunto á entrada traseira da Casa da Cultura- e a Avenida Fisterra –fronte ao edificio de usos administrativos, que tamén é un destacado ámbito comercial-.

Cabe lembrar que no Concello da Laracha tamén se permite na zona azul gratuíta o estacionamento sen límite de tempo dos vehículos que dispoñen do cartón de aparcadoiro especial para persoas con mobilidade reducida. Este mesmo colectivo tamén pode acceder co seu vehículo e estacionalo na Praza do Concello durante a realización de trámites administrativos na Casa Consistorial, sexa nos servizos municipais ou no xulgado de paz.

Aparcabicis na piscina municipal e no IES Agra de Leborís

Por outra banda, o Concello da Laracha tamén vén de instalar aparcabicis no interior das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha e do IES Agra de Leborís, neste último caso de acordo coa dirección do centro. Fíxose co obxectivo de fomentar o uso da bicicleta como un medio de transporte saudable, sostible e respectuoso co medio ambiente.