• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Obra Social “la Caixa” achega 5.000 euros para o desenvolvemento de actividades de inclusión social

01/12/2017

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o director da oficina de “la Caixa” da Laracha, Rubén Javier Soto Varela, asinaron hoxe na sala de xuntas da Casa Consistorial o convenio a través do cal a Obra Social “la Caixa” achega a cantidade de 5.000 euros para o financiamento de actividades de inclusión social que organizará o Concello durante os próximos meses. Tamén participaron no acto a edil responsable, entre outras áreas, de servizos sociais, Rocío López, e a subdirectora da oficina de “la Caixa” da Laracha, Yolanda González.

Por medio das actividades que se levarán a cabo coa colaboración económica da Obra Social “la Caixa” o Concello da Laracha pretende promover a integración dos asistentes por medio da participación na vida social, así como previr ou eliminar as causas que conducen á marxinación e á desigualdade. 

José Manuel López Varela mostrou o seu agradecemento á “la Caixa” por “renovar esta colaboración anual e reforzar o seu compromiso coa cidadanía larachesa por medio deste convenio co Concello” que permitirá levar a cabo iniciativas de interese comunitario. Indicou o rexedor municipal que as actividades de inclusión social a realizar “favorecerán que todos os cidadáns, independentemente das súas condicións físicas ou capacidades psíquicas, sexan protagonistas e xestores dun modelo de sociedade incluínte”.