• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha liderará un proxecto europeo centrado na promoción do emprendemento xuvenil

02/12/2017

O Concello da Laracha continúa aproveitando as oportunidades que ofrece a Unión Europea para fomentar as relacións entre municipios de diferentes países do ámbito continental e potenciar a participación cívica dos seus cidadáns a través do programa Europe for Citizens

Nesta ocasión o Concello da Laracha será o socio que capitaneará o proxecto Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo financiado polo Instituto de la Juventud (Injuve) e apoiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia no marco do programa Erasmus+ como iniciativa que procura a mobilidade de persoas por motivo de aprendizaxe.  Dito proxecto céntrase na promoción e difusión do emprendemento xuvenil baseado na ética, a moralidade e o euroescepticismo e vinculado á resolución de conflitos de tipo social. Pretende ser un motor para favorecer a igualdade de oportunidades e a redución da fractura social de Europa por medio da exploración de diversas posibilidades de emprendemento sustentadas na innovación e o desenvolvemento.

En concreto, o Concello da Laracha márcase como obxectivo lograr que os mozos do noso municipio entren en contacto con persoas da súa mesma idade doutros países europeos para coñecer as súas culturas, reforzar a aprendizaxe de idiomas, poidan intercambiar coñecementos e experiencias e adquiran orientación sobre formación, capacitación profesional e oportunidades de emprego.

Ademais de A Laracha, formarán parte de Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo outros doce socios procedentes de países da Unión Europea ou veciños como Italia, Armenia, Bulgaria, Portugal, Ucraína, Hungría, Rusia, Acerbaixán, Xeorxia, Moldavia e Alemaña. O perfil deses socios é diverso, incluíndo administracións públicas, asociacións estudantís, entidades xuvenís e organizacións de carácter cultural e empresarial.

O proxecto Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo ten unha duración de sete meses. A actividade principal de mobilidade prevista é a celebración dunha visita de estudo á cidade rusa de Vladimir que se vai realizar do 23 ao 28 do próximo mes de xaneiro e na que haberá ponencias e reunións de traballo na que participarán técnicos xuvenís, axentes de emprego e responsables das políticas dirixidas á mocidade.

Contacto