• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello convoca as novas edicións dos concursos de panxoliñas, escaparates, postais e contos de Nadal

02/12/2017

O Concello da Laracha está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro, coincidindo coas vacacións nos centros de ensino. Como vén sendo habitual nos últimos anos, no marco deste programa haberá os catro tradicionais concursos: os de conto e postais -dirixidos ao alumnado dos colexios-, o de panxoliñas e o de escaparates. Os prazos de inscrición abriranse nos próximos días.

O concurso de escaparates alcanza a súa 22ª edición. O Concello convida a participar a todos os comercios do termo municipal da Laracha que dispoñan de escaparate exterior. Os locais que se inscriban deben estar decorados con motivos propios desas datas desde o 15 de decembro ata o 6 de xaneiro. Repartiranse cinco premios -dotados cun total de 800 euros- entre os establecementos mellor puntuados polo xurado, que fará a valoración na tarde do 28 de decembro.

O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o sábado 23 de decembro a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura da Laracha. Poderán participar todas as asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio que o desexen. Están establecidas catro categorías de premios dotadas con 300, 250, 200 e 175 euros. Todos os participantes teñen garantido o premio da cuarta categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que desenvolven as entidades participantes.

Por último, lembrar que os concursos de postais e de conto van dirixidos ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, así como da escola unitaria de Cumiáns, en Montemaior. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais poderán participar alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade.

En ambos casos a valoración realizarase o xoves 14 de decembro pola mañá na biblioteca municipal da Laracha, estando composto o xurado por membros da concellería de Cultura da Laracha, un técnico dos servizos sociais municipais e un representante de cada colexio. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o venres 22 de decembro nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha a partir das 18:00 horas.

Contacto