• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A construción dos vestiarios completará o proxecto do pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha

29/11/2017

O CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha conta desde hai pouco menos de un ano co seu propio pavillón polideportivo cuberto que foi construído no interior do recinto dese centro de ensino.

A infraestrutura está a ser empregada tanto polo alumnado do colexio durante o horario lectivo como polos participantes nas actividades extraescolares que acolle esta instalación, onde tamén se teñen desenvolvido eventos multitudinarios como a 3ª Festa da Igualdade o pasado 23 de novembro.

Agora o Concello da Laracha está a realizar a última das obras previstas nesta instalación e consistente na creación dos vestiarios, unha actuación que será financiada integramente con fondos propios municipais despois da transferencia de créditos autorizada polo Pleno o pasado día 10 de novembro.

Deste xeito o Concello da Laracha inviste preto de 54.000 euros no acondicionamento do espazo situado baixo as gradas onde, ademais do aseo xa existente, serán creados un almacén e dous amplos vestiarios con entradas independentes e equipados co correspondente mobiliario, duchas, lavabos e sanitarios.

A previsión do goberno local é que as obras estean finalizadas antes de que remate o ano, polo que os novos equipamentos serían postos a disposición dos usuarios do pavillón coincidindo co regreso da actividade no centro tralas vacacións de Nadal. Os traballos que se están a desenvolver non afectan en absoluto á zona da pista, polo que a infraestrutura está a ter a actividade habitual e sen ningún tipo de limitación durante a execución dos mesmos.

Deste xeito o Concello da Laracha dará por completada a construción do pavillón e de todos os seus espazos e servizos complementarios. A creación da cuberta as gradas e a pista, a urbanización exterior, diversas melloras nos equipamentos e, por último, a construción dos vestiarios suporán un investimento total duns 650.000 euros nesta infraestrutura deportiva do centro educativo.