• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Sergas soamente aboará 1.041 € en concepto de ICIO polo proxecto de ampliación do centro médico da Laracha

30/11/2017

O Pleno do Concello da Laracha celebrou hoxe a sesión ordinaria correspondente ao mes de novembro, que comezou coa lectura -por parte do alcalde, José Manuel López Varela- da declaración institucional asinada polos portavoces de todos os grupos políticos en conmemoración do 25 de novembro -Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres- e mostrando o total rexeitamento á violencia de xénero. A continuación gardouse un minuto de silencio en sinal de recordo ás vítimas desta lacra social.

Xa adentrados nas cuestións que conformaban a orde do día, o punto máis destacado, aprobado por unanimidade, consistiu en declarar de especial interese a obra de ampliación do centro médico e punto de atención continuada da Laracha por tratarse dunha actuación promovida por unha administración pública para a implantación de servizos públicos de interese comunitario. Isto permitirá que o seu promotor, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), poida beneficiarse dunha bonificación do 95% no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO), tal e como se establece na ordenanza fiscal municipal número 17. Deste xeito, por ese concepto o Sergas aboará soamente 1.041 euros en lugar dos 20.819,90 euros que lle corresponderían segundo o orzamento do proxecto. A construción do novo edificio está valorada en 1,2 millóns de euros.

Ademais, e en cumprimento da lexislación vixente, no Pleno deuse conta á Corporación do período medio de pagamento a proveedores durante o terceiro trimestre deste ano, así como das 272 resolucións de Alcaldía ditaminadas nos dous últimos meses.