• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello requiriu no que vai de ano a 171 propietarios de parcelas para acometer a súa limpeza

25/11/2017

Ao longo do ano 2017 o Concello da Laracha notificou individualmente a 171 propietarios de solares situados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como en zonas da periferia e en áreas residenciais de parroquias rurais que requiren dun tratamento especial, a obrigatoriedade de mantelas en óptimas condicións de conservación en cumprimento da Lei do Solo de Galicia. 

Así mesmo, tamén foron incoados 32 expedientes de tala de árbores por incumprir as regulacións de distancias mínimas establecidas na Lei de Montes de Galicia e os preceptos da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Neste tipo de procedementos en primeiro lugar o Concello da Laracha remite aos propietarios o requirimento, no que se advirte que o incumprimento da normativa vixente pode implicar sancións administrativas. Tamén se lles comunica que, no caso de non actuarse, o Concello da Laracha executará subsidiariamente os traballos, asumindo o custo desas actuacións o propietario da parcela.

Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre esta cuestión durante a primavera e nas primeiras semanas do verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións deste tipo dirixidas a garantir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público das fincas privadas.