• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os 186 alumnos de 5º e 6º de primaria dixeron non á violencia de xénero na III Festa da Igualdade da Laracha

23/11/2017

No marco do programa municipal que o Concello da Laracha desenvolve para conmemorar o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres –que se celebra o 25 de novembro-, hoxe desenvolveuse a terceira edición da Festa da Igualdade. Fíxose por primeira vez no pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha e participaron os 186 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria dese mesmo centro de ensino e dos CEIP de Caión e Alfredo Brañas de Paiosaco.

Desde as 10:00 horas e ata pasadas as 13:30 levouse a cabo esta xornada lúdica de convivencia organiza e coordinada polo Concello da Laracha, o Centro de Información ás Mulleres (CIM) e os equipos directivos dos tres colexios participantes.Ao longo da mañá realizáronse moi diversas probas, actividades e xogos, todos eles baseados na cooperación, a xestión das emocións, os bos tratos, a igualdade de oportunidades e a educación en corresponsabilidade.

O evento rematou coa entrega dos premios do I concurso de fotografía “A Laracha enfoca a igualdade”, no que se convidou a presentar imaxes a todos os alumnos de 5º e 6º de primaria do municipio. O primeiro premio –unha tablet- foi para Alessia Méndez Pellegrino, da aula de 5ªA do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, pola súa fotografía titularda “Sen diferencias”, na que pretende mostrar a igualdade entre homes e mulleres. O segundo premio –un libro electrónico- foi para Ares Matos López, de  5º de primaria do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, por “O Cruceiro de Vilanova”, en recordo dunha muller que hai varias décadas fora asasinada pola súa parella nese lugar da parroquia de Soutullo. Todos os participantes no concurso recibiron un agasallo conmemorativo do Concello da Laracha.

O programa en torno ao 25 de novembro tamén inclúe obradoiros de prevención nos centros de ensino, programación específica na aula lúdica municipal, obra de teatro Pementeiras este venres na Casa da Cultura e o stand informativo do CIM instalado no edificio de usos administrativos da Laracha.