• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de ampliación da calzada entre O Maseo e o cruce de A Fraga

17/11/2017

O Concello da Laracha iniciou a execución do proxecto de ampliación da calzada desde O Maseo ata o cruce de A Fraga, nunhas obras que afectan á parroquia de Coiro. Trátase dun tramo de 317 metros de lonxitude da estrada municipal que comunica Paiosaco con Vista Alegre na que o goberno local está apostando por realizar sucesivas melloras -en varias fases- ao presentar un considerable aumento no volume de tráfico nos últimos anos por ser unha vía que ofrece un cómodo acceso cara a terceira rolda da Coruña e ao aeroporto de Alvedro a través da AC-523.

Este proxecto contempla a ampliación da plataforma ata os oito metros en toda a distancia do treito, que ata o de agora presentaba unha anchura variable de entre catro e sete metros. Por tanto, en determinados puntos a estrada será o dobre de espazosa, o que facilitará notablemente a circulación dos vehículos e reforzará a seguridade viaria.

Esta é unha das actuacións aprobada no Pleno extraordinario celebrado a semana pasada para ser financiada con cargo ao remanente e superávit do exercicio económico do curso anterior. Os 32.000 euros de investimento proceden integramente de fondos propio municipais.

Na sesión plenaria o alcalde, José Manuel López Varela, agradecera a cesión por parte dos propietarios dos terreos afectados polo proxecto, o que permitiu acurtar prazos e facilitou en gran medida o desenvolvemento das obras.

Ademais deste tramo entre O Maseo e o cruce de A Fraga, o Concello da Laracha acometeu recentemente unha actuación de similares características entre O Areal e O Maseo, noutro treito da citada vía municipal Paiosaco-Vista Alegre.