• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha recibiu aos integrantes dun programa europeo relacionado coa participación xuvenil

14/11/2017

O Concello da Laracha recibiu hoxe a visita das trinta e dúas persoas participantes no proxecto europeo Face to Face: Youth Democracy, financiando polo programa Erasmus Plus dentro da KA3 e que se desenvolve co obxectivo de facilitar encontros entre os mozos e os responsables políticos.

Forman parte deste programa persoas procedentes de municipios e institucións de Malta, Italia, Alemaña, Moldavia, Rusia, Xeorxia, Azerbaiyán e España. Durante toda a semana están a realizar un completo programa de actividades por toda Galicia vinculado ao coñecemento das institucións democráticas galegas e ao diálogo con responsables políticos a niveis local, provincial e autonómico cos propósitos de que a mocidade participe activamente na sociedade e facilitarlles as ferramentas para que as súas ideas cheguen aos tomadores de decisións.

Precisamente o Concello da Laracha foi escollido como exemplo de municipio implicado co desenvolvemento de políticas de interese para a xuventude. Nun acto celebrado na Casa da Cultura, o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, fixo unha exposición de todos os programas que se levaron a cabo nos últimos meses relacionados coa mocidade, como son o obradoiro de emprego xuvenil, o campo de traballo, o proxecto Deseñando o teu futuro, os programas de voluntariado e tamén os irmandamentos e tamén as actividades de intercambio promovidas polo IES Agra de Leborís, entre outras iniciativas.

O Concello da Laracha mostra a súa satisfacción por ter colaborado co programa Face to Face: Youth Democracy, agradecendo aos organizadores a posibilidade que ofreceu para formar parte desta iniciativa, dar a coñecer a actividade e coñecer novas propostas de interese que se poderían poñer en práctica no futuro.