• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Directora xeral de Urbanismo mostrouse satisfeita co resultado dos proxectos do plan Hurbe na Laracha

09/11/2017

A Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e a secretaria territorial da Xunta de Galicia na Delegación da Coruña, Patricia Rodríguez, desprazáronse hoxe ata o Concello da Laracha, onde coñeceron o resultado da execución dos proxectos que foron financiados na capital municipal con fondos do Plan Hurbe e mantiveron unha xuntanza cos membros do goberno local –o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto, José Ramón Martínez e Patricia Bello- e a dirección de obra.

A Xunta de Galicia investiu máis de 132.000 euros na completa renovación e humanización das rúas Coruña, Pontevedra e Suíza, así como o punto de confluencia de Epifanio Campo Núñez con Eusebio Bértoa Queijo e Luís Martínez Vázquez. A actuación desenvolveuse de xeito paralelo ao proxecto de similares características -neste caso promovido polo Concello e valorado noutros 168.000 euros- que afectou a todo o trazado da rúa Epifanio Campo Núñez.

Trátase dunha das zonas residenciais e comerciais máis importantes do Concello da Laracha tanto por número de habitantes como por cifra de establecementos comerciais existentes nas citadas rúas e en todo o seu entorno. Ademais, neste lugar sitúase o centro médico e o punto de atención continuada da Laracha, polo que presenta unhas características e necesidades específicas.

As representantes da Xunta de Galicia mostráronse satisfeitas polos traballos realizados neste céntrico ámbito do casco urbano da Laracha, principalmente por posibilitar priorizar a circulación peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal ao renovarse e ampliarse as beirarrúas, que agora presentan unha anchura de dous metros a ambos lazos da calzada. Isto tamén permitiu a creación de zonas de descanso no itinerario –como a habilitada nas inmediacións do centro de saúde- e dar maior visibilidade aos baixos comerciais.

Así mesmo, o proxecto supuxo unha reordenación do tráfico, establecendo o sentido único da circulación para posibilitar o mantemento de áreas de estacionamento nas dúas marxes da vía e aumentando as prazas reservadas a persoas con diversidade funcional. A seguridade viaria reforzouse coa nova pavimentación da zona de rodadura, a regulación de todas as interseccións e a completa sinalización horizontal e vertical. 

José Manuel López Varela adiantou que o Concello da Laracha ten deseñada unha actuación semellante para levar a cabo nas rúas Lugo e Carballo, situadas na contorna, e deste xeito completar a humanización de todo o ámbito. Ese será un dos proxectos dirixido a mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal que se elevarán ao Pleno extraordinario convocado para mañá ás 13:30 horas.

Contacto