• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Representantes da FEMP comproban na Laracha o excelente funcionamento do Programa Harmoniza

02/11/2017

O director da área de Dereitos Sociais e Cidadanía da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Joaquín Corcobado, e a responsable do convenio entre a citada asociación co Instituto de la Mujer y para la Igualdade de Oportunidades, Dolores Palacios, estiveron hoxe no Concello da Laracha, onde mantiveron unha reunión co alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira responsable das áreas de Muller e Servizos Sociais, Rocío López, e a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao.

No pasado mes de marzo o Programa Harmoniza do Concello da Laracha fora posto como exemplo pola FEMP como iniciativa municipal dirixida a facilitar e fomentar a transversalidade de xénero, a conciliación e a corresponsabilidade na vida persoal, familiar e profesional no ámbito local. Presentáranse en total 163 municipios, obtendo o proxecto larachés a valoración máis alta, realizada dun xeito totalmente obxectivo por profesionais externas e expertas en materia de igualdade. 

Aquel premio situara ao noso Concello como un referente nacional entre os municipios españois do mesmo estrato de poboación no desenvolvemento e implementación de plans desas características. Ademais, a subvención concedida facilitou que o proxecto inicial do Programa Harmoniza fose ampliado para comezar a ofrecer neste curso escolar o servizo Madrugadores nos centros de educación infantil e primaria do municipio.

Dita achega económica fora establecida nun convenio de colaboración entre a FEMP e o Concello. O encontro de hoxe precisamente tivo por finalidade realizar un seguimento dos acordos e comprobar persoalmente o bo funcionamento do Programa Harmoniza, motivo polo cal os membros da FEMP visitaron as instalacións da aula lúdica municipal e se interesaron pola actividade que se desenvolve nela ao longo de todo o ano.