• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En novembro volven os Venres Teatrais da Laracha con espectáculos de referencia no panorama galego

21/10/2017

O Concello da Laracha presenta o cartel da nova edición do ciclo Venres Teatrais, toda unha referencia na programación cultural municipal que se organiza co obxectivo de ofrecer aos veciños espectáculos teatrais de alta calidade durante o mes de novembro. O ciclo consta de catro funcións e inclúe obras de referencia no actual panorama teatral galego.

A comedia terá unha especial relevancia neste programa, aínda que tamén haberá espazo para a concienciación social cunha obra que se incluirá no marco do programa municipal de actividades en torno á conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que se celebra o 25 de novembro.

Os Venres Teatrais abriranse o 3 de novembro con Ubú Rei, a versión libre da compañía ceense Talía Teatro deste clásico do teatro europeo na que se conserva a esencia do texto orixinal de Alfred Jarry. O elenco está formado por Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto baixo a dirección de Roberto Salgueiro.

A compañía Contraproducións representará o 10 de novembro o espectáculo de gran formato O tolleito de Inishmaan, un texto orixinal do teatro irlandés dirixido por Cándido Pazó e cun elenco de auténtico luxo composto por actores da talla de Luis Iglesia, Evaristo Calvo, Santi Romay, Marcos Pereiro, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja e Susana Dans.

O 17 de novembro será a quenda para Malasombra Producións coa súa comedia O caso é ter saúde, dirixida por Marcos Orsi e protagonizada por Xoque Carvajal, Jouse García, Patricia Rodríguez, Celia González e Carlos Mosquera. A historia sucede un 22 de decembro, cando un home é abandonado pola súa parella intres antes de que o seu décimo da lotería de Nadal resulte premiado.

O ciclo pecharase o 24 de novembro con Pementeiras, de Xoré Teatro, onde se narra unha historia de empoderamento feminino baseada en dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Pola súa temática, a peza tamén se inclúe no programa de actividades e actos municipais en torno ao Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebra o 25 de novembro.

Todos os espectáculos son recomendados para persoas maiores de trece anos de idade e poranse en escena na Casa da Cultura da Laracha a partir das 21:00 horas, con gratuíta.