• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello prorroga os contratos con Aspaber da xestión do punto limpo e limpeza viaria

19/10/2017

Na reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse que o Concello da Laracha prorrogará os contratos co Centro Especial de Empleo Aspaber referidos á limpeza viaria e á xestión do punto limpo, recollida de papel-cartón e recollida de voluminosos a domicilio.

Dita entidade é a concesionaria dos citados servizos municipais desde o ano 2013. Os pregos que rexeron aquel procedemento de contratación establecían que a duración do compromiso sería por catro anos con posibilidade de prórroga anual de ata dous anos máis. Agora que se venceu o período inicial, o Concello realiza os trámites administrativos para ampliar o acordo ata 2018, momento no que tamén se poderían volver prorrogar os contratos por outro ano máis.

O goberno local tomou esta decisión por dous motivos fundamentais. En primeiro lugar, a boa labor que o Centro Especial de Empleo Aspaber está a desenvolver na limpeza viaria en todo o termo municipal e na xestión do punto limpo, unha infraestrutura que durante os últimos anos ampliou o seu horario de apertura, foi modernizada e á que se incorporaron servizos complementarios que están a disposición da cidadanía de xeito gratuíto. Son exemplos diso a recollida de voluminosos a domicilio, melloras no procedemento de recollida de papel-cartón e tamén a xestión do novo depósito para o almacenamento de materia vexetal e plásticos procedentes de silo e invernadoiros.

Ademais de cumprir cos requisitos de calidade na prestación de todos os servizos, o Centro Especial de Empleo Aspaber tamén realiza un destacado labor social en beneficio da inserción laboral e a normalización social de persoas con discapacidade intelectual.