• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O GDR cofinanciará o proxecto de mellora enerxética nas prazas O Recreo e Maximino Canedo

03/10/2017

A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte vén de aprobar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética promovido polo Concello da Laracha. Dita actuación será cofinanciada, por tanto, con fondos das axudas do Plan Leader, á súa vez cofinanciadas co Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2010 (PDR).

A actuación consiste na renovación da iluminación exterior das prazas O Recreo e Maximino Canedo, dous puntos de encontro para a veciñanza situados en zonas céntricas e residencias da capital municipal. As actuais luminarias serán cambiadas por outras LED de última xeración e de alta eficiencia enerxética. Tamén se contempla a adaptación dos centros de mando coa instalación de reloxos astronómicos, equipamento que permite o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar.

Polas súas características o proxecto é rendible tanto no aspecto medioambiental como no económico, xa que o consumo eléctrico diminuirá en torno ao sesenta por cento sen afectar en absoluto á calidade do servizo que se ofrece á cidadanía.

O proxecto está valorado en preto de 40.000 euros, que serán cofinanciados con fondos do citado programa do GDR e tamén do propio Concello da Laracha. En base aos informes técnicos, dita cantidade será amortizada en seis anos co aforro eléctrico que suporá o cambio de luminarias.