• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno adxudicará o luns a obra de construción do viveiro de empresas no polígono industrial

07/10/2017

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha celebrará unha reunión extraordinaria este luns (9 de outubro) na que o asunto máis importante será a adxudicación do contrato de execución do proxecto de construción do viveiro de empresas municipal no ámbito do polígono industrial, trámite que se levará a cabo despois de que a Mesa de Contratación valorase e clasificase todas as ofertas presentadas ao precedemento.

A actuación promovida polo Concello da Laracha está valorada en 359.000 euros e será cofinanciada con fondos municipais e a achega económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

O proxecto contempla a creación dun edificio de planta baixa e de máis de cincocentos metros cadrados de superficie no que serán habilitados catro despachos e catro naves industriais con accesos independentes. O inmoble levantarase nunha parcela de titularidade municipal situada no ámbito do parque empresarial, ben comunicada, fronte a un amplo aparcamento público e que está cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal para albergar equipamentos.

Deste xeito o Concello da Laracha contará en próximas datas cun espazo físico creado co obxectivo de facilitar o nacemento de novas empresas de carácter industrial e no que se ofrecerán as condicións e servizos precisos para a súa implantación inicial e a posterior consolidación.

A finalidade do viveiro de empresas da Laracha é dar un impulso ao xurdimento de novas iniciativas industriais privadas que contribúan á dinamización da zona nun parque empresarial que se consolida como referente no norte de Galicia.