• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobada por unanimidade e con carácter definitivo a ordenanza do servizo Madrugadores

29/09/2017

O Pleno da Corporación municipal da Laracha, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou por unanimidade elevar a definitiva a aprobación da ordenanza municipal que regulará o servizo Madrugadores de conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Fíxose tras incorporar ao documento inicial as modificacións oportunas para mellorar o texto da normativa. O novo servizo, que se presta a través do Programa Harmoniza, xa está funcionando desde o principio do curso no CEIP Otero Pedrayo da Laracha e ofertado no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e no CEIP de Caión, onde aínda non se alcanzaron o número mínimo de usuarios. José Ramón Martínez Barbeito, que presidiu a sesión, apuntou que Madrugadores “é unha aposta importante do goberno local e que está a ser implantada nos colexios directamente polo Concello”.

Tamén houbo unanimidade á hora de fixar os festivos locais do ano 2018, que serán o Martes de Entroido (13 de febreiro) e o Día de San Roque (xoves 16 de setembro, na segunda xornada das Festas Patronais da Laracha). Nesta ocasión non se optou polo 8 de setembro (Día dos Milagres de Caión) por coincidir en sábado.

Outra das cuestións tratadas foi a aprobación da Conta Xeral do exercicio económico 2016, votación na que o grupo mixto e o socialista se abstiveron e o concelleiro presente do BNG se posicionou en contra. Martínez Barbeito afirmou que “a Conta Xeral é impecable, non tivo ningún reparo e remitirase ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas en prazo unha vez rematado o período de exposición pública”. Por iso quixo “felicitar aos funcionarios polo seu traballo”.

A proposta do grupo de goberno, a composición da Comisión de Deslinde da Laracha co Concello de Culleredo estará formada polo alcalde (José Manuel López Varela), tres concelleiros (Jesús Souto, Alberto Fuentes e Ramiro Bello), a arquitecta técnica municipal, un enxeñeiro agrónomo en calidade de perito asesor e dúas persoas que, pola súa idade e acreditado xuízo, poderán confirmar os puntos exactos onde estiveron os marcos ou os sinais divisorios entre ambos Concellos. Nesta cuestión abstivéronse os tres grupos da oposición.

Tamén foi aprobado cos únicos votos a favor do grupo de goberno o cambio de data de celebración das sesións ordinarias do Pleno para que pasen a ser no último xoves de cada mes impar en lugar do venres, como se vén facendo desde o inicio da lexislatura. Faise para evitar que coincidan cos Plenos da Deputación da Coruña –celébranse o último venres de cada mes- despois de que o alcalde tomase recentemente posesión como deputado e ante o deber de José Manuel López Varela de presidir as sesións na Laracha e asistir ás que se celebran na institución provincial.

Salientar, por último, que foron aprobadas tres mocións. Nunha delas ínstase á Xunta de Galicia a realizar un estudo xurídico para incorporar ao patrimonio público o Pazo de Meirás. Noutra acordouse manifestar a necesidade de impulsar, no marco do Pacto de Toledo, o diálogo social e os acordos que garantan o sistema público de pensións e prestacións da Seguridade Social. Por último, reclámase que se inicien os trámites que permitan mellorar o marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles.