• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

20 persoas serán formadas e mellorarán a súa formación grazas ao obradoiro de emprego

02/10/2017

Comezou a desenvolverse o obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV, unha nova iniciativa impulsada por ambos municipios e co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia na procura de tres obxectivos fundamentais: mellorar a empregabilidade dos vinte participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal. 

Nesta ocasión o programa terá unha duración de nove meses, nos que dez alumnos traballadores participarán na especialidade de xardinería e outros dez farano no módulo de traballos de carpintería e moble. Todos eles terán a posibilidade de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos da súa especialidade, realizar actuacións en instalacións de ambos concellos para acadar experiencia, recibir o certificado de profesionalidade ao rematar con éxito o obradoiro e acceder a un posto de traballo remunerado neste tempo de aprendizaxe e formación.

O equipo directivo, docente e administrativo está formado por un grupo de cinco persoas: directora, mestres de cada especialidade, ensino básico e un auxiliar administrativo.

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Promoción Económica de Arteixo, Patricia Amado, e o Director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, presidiron o acto de presentación deste obradoiro de emprego, aproveitando a ocasión para coñecer e saudar persoalmente aos alumnos, equipo directivo e persoal docente.

Como anfitrión, José Manuel López Varela, abriu a quenda de intervencións dándolles os parabéns ás vinte e cinco persoas que forman parte do proxecto. O rexedor larachés salientou as experiencias satisfactorias das anteriores iniciativas similares organizadas con Arteixo, considerando que “os obradoiros de emprego son a posibilidade de formación máis completa que se pode recibir de cara á inserción laboral”, polo que os participantes “estades ante unha oportunidade única e extraordinaria”. Tamén fixo referencia ao interese comunitario do obradoiro de emprego polas obras públicas que se van levar a cabo e concluíu agradecendo “o esforzo da Xunta de Galicia” para continuar poñendo en marcha proxectos destas características.

Patricia Amado animou aos alumnos traballadores a “aproveitar a oportunidade” e que o resultado dos nove meses deste obradoiro de emprego sexa “positivo para vós e tamén para o entorno no que actuaredes”.

O Director xeral Orientación e Promoción Laboral afirmou que a Xunta de Galicia selecciona para o seu financiamento os obradoiros de emprego “mellor programados” entre todos os presentados, incluíndo neste categoría o que promoven os Concellos da Laracha e de Arteixo. Animou aos participantes a “empezar ilusionados esta nova etapa, implicarvos e aproveitar esta oportunidade”, xa que “todo o que aprendades agora terá percorrido no futuro”. José Alfonso Marnotes asegurou que “nós estamos aquí por vós, porque temos que apostar por formar en traballos que sexan útiles” e concluíu desexando “sorte para todos e que dentro de nove meses volvamos atoparnos para falar de que este obradoiro de emprego foi un éxito”.

Tal e como se fixo nos anteriores obradoiros de emprego organizados entre os Concellos da Laracha e de Arteixo, a parte teórica desenvolverase integramente no novo edificio administrativo larachés, instalación que tamén será obxecto dunha intervención na parte práctica, xa que está previsto realizar as divisións interiores das plantas superiores. O outro punto de actuación na Laracha será o paseo fluvial do río Vilán, na parroquia de Cabovilaño. En Arteixo os labores centraranse exclusivamente no parque de Monticaño.