• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Asinado o convenio de colaboración entre o Concello e o Laracha Basket Xiria

21/09/2017

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente do recentemente creado Laracha Basket Xiria, Marcos Díaz Molk, asinaron o convenio de colaboración entre as dúas partes coa finalidade de potenciar e promocionar a no municipio a práctica deportiva, nomeadamente o baloncesto.

A entidade, referente nesta disciplina deportiva en Bergantiños e na Costa da Morte, vén de crear unha sección propia na Laracha co obxectivo de complementar e profesionalizar a oferta no baloncesto de base no noso municipio. Poderán formar parte dela os rapaces de entre catro e trece anos de idade que desexen adestrarse e competir en ligas federadas da súa correspondente categoría. Actualmente son xa 62 os nenos inscritos.

O goberno local da Laracha volve mostrar a súa aposta decidida por promocionar os estilos de vida saudables e educar aos nenos nos eidos do esforzo, o sacrificio  e a colaboración a través do baloncesto, como tamén se fai con outras disciplinas deportivas apoiando durante todo o ano aos diferentes clubs. No caso do Laracha Basket Xiria o convenio establece que o Concello subvencionará o cincuenta por cento do custe de actividade. Por tanto, da cota de trinta euros mensuais establecida, os participantes soamente deberán aboar quince euros.

O Laracha Basket Xiria está a realizar nos centros de ensino do concello accións dirixidas a captar xogadores e, en todo caso, a potenciar a práctica de calquera modalidade deportiva como actividade esencial para o desenvolvemento persoal.

O convenio asinado tamén inclúe a organización por parte do Laracha Basket Xiria do torneo José Antonio Vega, un referente para o baloncesto de base da provincia durante o Nadal que neste ano alcanzará a súa sétima edición.