• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan os programas de voluntariado promovidos polo Concello e a Agrupación de Protección Civil

09/08/2017

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, reuníronse hoxe no Salón de Plenos cos mozos que forman parte do programa de Voluntariado Xuvenil que xa está en marcha. A iniciativa está impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia e, no caso da Laracha, promovida polo propio Concello e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Nesta xuntanza, ademais de asinarse a correspondente documentación e facer entrega do material, o rexedor municipal animou aos voluntarios a “aproveitar a oportunidade que se vos presenta”, xa que os programas de voluntariado “tamén ofrecen a posibilidade de formarse e abrir portas no ámbito laboral porque hai empresas importantes que valoran ter participado neste tipo de proxectos á hora de contratar persoal”. 

En total son dezaseis rapaces de entre 16 e 30 anos de idade os que forman parte dos dous apartados dos que consta o programa, que rematará a final de ano. Por unha parte, a través do Concello da Laracha oito mozos actuarán como persoal de apoio aos técnicos especializados na aula lúdica e nas actividades culturais e deportivas dos programas municipais. Por outra banda, os outros oito mozos prestarán servizo á cidadanía a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil reforzando o equipo en eventos multitudinarios como, por exemplo, a feira de Paiosaco e as Festas dos Milagres de Caión.

En ambos casos os voluntarios estarán titorizados por técnicos especializados e recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a súa participación contarán cun certificado que acredite a súa colaboración no programa e recoñeza o seu valor social.