• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os proxectos de humanización da rúa Epifanio Campo Núñez e o seu entorno entran na súa última fase de execución

07/09/2017

A transformación da céntrica zona da capital municipal da Laracha formada polas rúas Epifanio Campo Núñez –e o seu punto de confluencia coas rúas Eusebio Bértoa Queijo e Luis Martínez Vázquez-, Coruña, Pontevedra e Suíza será realidade nos próximos días unha vez estean rematadas as obras que se veñen desenvolvendo ao longo do verán e que están, actualmente, na última fase de execución.

O Concello deseñara estas actuacións cos propósitos esenciais de humanizar, mellorar a accesibilidade e reordenar o tráfico de vehículos en todo o ámbito, que conforma unha das áreas máis poboadas do municipio, alberga o centro médico e punto de atención continuada e é unha zona comercial de referencia na Laracha.

Durante os dous meses que agora se cumpren desde o inicio dos primeiros traballos, o Concello contestou a todas as suxestións e propostas dos veciños da zona que ofreceron a súa opinión para mellorar o resultado dos traballos que se están a desenvolver, incorporando ás actuacións inicialmente previstas aquelas que tecnicamente eran viables, estaban adaptadas á normativa vixente e foron consideradas de interese tanto polo goberno local como pola dirección da obra. Precisamente unha desas melloras, entre outras que se levaron a cabo, consistiu na instalación de reixas de desaugue nun tramo da rúa Epifanio Campo Núñez, punto no que, debido á súa pendente, se acumulan fronte aos edificios e locais comerciais as augas pluviais procedentes doutras rúas próximas.  

En todo momento as actuacións priorizan o tránsito peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal coa completa renovación das beirarrúas, que agora teñen unha amplitude mínima de dous metros a ambos lados da calzada, o que tamén permitirá a creación de zonas de descanso nese itinerario e dar unha maior visibilidade aos baixos comerciais.

Ao mesmo tempo, a zona de rodadura dos vehículos será dotada cun novo pavimento e quedará fixada unha nova ordenación do tráfico, establecendo o sentido único de circulación para posibilitar o mantemento das áreas de aparcadoiro a ambas marxes da calzada e o acondicionamento de novas prazas de estacionamento dirixidas a persoas con mobilidade reducida. Todo isto implica a renovación da sinalización horizontal e vertical, así como a regulación de todas as interseccións para que sexan claras e seguras tanto para os peóns como para os condutores.

Por outra banda, en todo o ámbito de actuación foi renovada e ampliada a rede de recollida de augas pluviais, ademais de respectarse e manterse as infraestruturas existentes de sumidoiros, abastecemento, enerxía eléctrica, iluminación pública, gas e telecomunicacións.

En total están a ser investidos máis de 300.000 euros nestas actuacións, ás que o Concello da Laracha dará continuidade cun novo proxecto, financiado integramente con fondos municipais, e que neste caso afectará as próximas rúas Lugo e Carballo.